A Mesa e Agasallo.eu achegan propostas de presentes para as festas

Os catálogos en liña achegan todo tipo de produtos na nosa lingua

Como é habitual por estas datas, a Mesa pola Normalización Lingüística publica o seu catálogo de Nadal no marco da campaña Abertos ao Galego. Co obxectivo de promover o consumo de produtos e negocios que apostan polo noso idioma, a publicación en liña achega unha ampla selección de potenciais agasallos para estas festas. Libros, discos, artesanía, audiovisual ou produtos alimentarios compleméntanse con experiencias, cuidado corporal, estadías de turismo rural ou servizos de empresas de diferentes tipos.

Pola súa banda, desde a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) lembran que está na rede Agasallo.eu. Esta iniciativa, que o colectivo botou a andar en 2013, recolle nun web todo tipo de propostas na nosa lingua. Libros, música, audiovisual, xogos, produtos téxtiles e de alimentación son algunhas das categorías que se presentan nun proxecto que vai actualizando ao longo do ano o seu catálogo.

A libraría compostelá Kómic tamén está a pór na rede listaxes coas súas bandas deseñadas recomendadas para agasallar nestas datas. Entres as mesmas atópase unha selección coas BDs galegas preferidas deste 2020.