Agadic adxudica as axudas ao talento musical entre 18 proxectos

Oito deles serán debuts discográficos e os outros responden a artistas consolidados

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) fixo pública a adxudicación da súa liña de axudas para a promoción do talento musical no ámbito da produción fonográfica, que se convocou este 2020 por segundo ano consecutivo. Cun orzamento de 120.000 euros que se reparte entre 18 novos traballos discográficos doutros tantos artistas e grupos a convocatoria non esgotou totalmente a súa partida. A modalidade de axudas a debuts discográficos adxudica 14.631 euros ( dunha partida 20.000 euros) a oito debuts discográficos, como os do dúo de música de raíz Caamaño & Ameixeiras, presentado por Arturo Vaquero; Grande Amore e Vera Fauna, por Ernie Producciones; o do grupo de música infantil Supermeiga e da cantautora viguesa Naraty Feel, por Regalamúsica; Espazo en Branco, por Litium Records, e mais os proxectos en solitario de Fernando Abreu (Mare) e Fernando Esclusa.

Os proxectos subvencionados foron presentados por unha ducia de produtoras e promotoras, ás que se dirixe especificamente esta liña de apoio. A súa concesión realizouse en réxime de concorrencia competitiva, a partir da valoración das solicitudes por unha comisión de acordo cuns criterios preestablecidos, entre os que figuraban a traxectoria da empresa nos tres anos anteriores, a presenza feminina na produción, o emprego da lingua galega, a proposta de difusión e comercialización, a implicación doutras empresas e/ou profesionais galegos ou a calidade do proxecto.

Consolidación
Na modalidade B adxudicáronse 89.976 euros dos 100.000 asignados na partida, dirixida a artistas e grupos cun máximo de catro discos anteriores no mercado, son 10 os traballos subvencionados, entre os que destaca igualmente a variedade de estilos. Así por exemplo, apóiase o traballo da pianista tudense Andrea González Pérez xunto a Randomize Music con composicións de Frei Rosendo Salvado; a que será a nova referencia discográfica de MounQup co selo Molho; o recentemente estreado Si mi rayo te alcanzara (Esmerarte), de Xoel López; A malfalada (Xonix Records), de Pauliña; as novas propostas de Mare con Marcelo Dobode e Cuarteto Caramuxo; de Ernie Producciones con Ortiga e Santi Araújo, e de Galunk Produccións con The Skarnivals, así como o DVD de despedida de NAO (PlayPlan Cultural). Mediante esta convocatoria, contribúese a impulsar os traballos relacionados co seu deseño, preprodución, produción, edición e promoción, incluíndo en moitos dos casos a presentación de singles e videoclips.