María José Rodríguez gaña o premio de ilustración do XVIIº certame 'Pura e Dora Vázquez'

O seu traballo ilustrará o relato de Begoña Graña gañador na categoría de Narrativa

A ilustradora María José Rodríguez García foi a gañadora do XVII Premio de Literatura Infantil e Xuvenil "Pura e Dora Vázquez" na modalidade de ilustración, organizado pola Deputación de Ourense e dotado con 1.500 euros. O xurado destacou das ilustracións gañadoras os seus elementos pedagóxicos e didácticos, "cunha estética infantil e inxenua que ilustra magnificamente a narración". O traballo de María José Rodríguez ilustrará o libro Adrán e a fábrica de xeo, de Begoña Graña, gañadora deste mesmo certame na modalidade de narración. O xurado subliñou que "as imaxes dan moitísima información, teñen forza e expresividade, cun interesante tratamento da cor". Na acta do fallo tamén se destacan os "valores expresivos que poden impactar moito ao lector novo".

María José Rodríguez, licenciada en Pedagoxía, ten unha ampla traxectoria no mundo da ilustración, con máis dunha ducia de exposicións individuais e colectivas e cinco primeiros premios no deseño de carteis para recoñecidos eventos, ademais de exercer como profesora de debuxo, plástica e modelado. En datas recentes, o pasado 3 de outubro participou na terceira edición das xornadas de pintura ao aire libre, celebradas na localidade ourensá de Puxedo, no Concello de Lobios.