A Xunta propón "catro liñas de usos culturais" para o Pazo de Meirás

O Conselleiro de Cultura compareceu na Casa Museo Emilia Pardo Bazán

O Conselleiro de Cultura Román Rodríguez, xunto con Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura, compareceron na Casa-Museo Emilio Pardo Bazán para propoñer unha serie de usos e liñas para o Pazo de Meirás. "Non queremos que sexa o Pazo de Franco, senón o Pazo de Emilia Pardo Bazán, da concordia, da cultura e da democracia", sinalou Román Rodríguez, para quen o pazo debera ter catro usos "complementarios". Un plan museolóxico da historia do pazo, cun espazo para a reivindicación de Emilia Pardo Bazán, "que recupere o sentido orixinal do inmoble deturpado polo franquismo, converténdose nun espazo que resalte a importancia da muller na creación intelectual e o legado da escritora", e incluír ao tempo a historia do pazo "incluída toda a etapa e o proceso polo que se converteu en residencia estival do ditador". Tamén, para a Xunta, se configuraría un "centro de creación artística de oportunidade e apoio ás mulleres artistas", unha terceira liña de "emprendemento e investigación" e, por último, os espazos verdes destinaríanse a "un xardín da liberdade, como auténtico espazo para a memoria e reflexión sobre a ditadura". Pola súa banda, o concello de Sada informou o día 4 e así o trasladou na xuntanza mantida coa vicepresidenta do goberno español, Carmen Calvo, que está "disposto a asumir a xestión conveniada da apertura e visitas do pazo". O Estado é o titular provisional da propiedade ata que se resolvan os procesos xudiciais en curso.