Comeza o futuro do pazo de Meirás entre Franco e Pardo Bazán

Hoxe o xulgado entrega ao Estado, de maneira provisional, as chaves do pazo de Meirás

Hoxe no xulgado de primeira instancia número 1 da Coruña entregará ao Estado -aínda que polo momento de maneira provisional- as chaves do Pazo de Meirás. E onte a vicepresidenta do goberno español, Carmen Calvo, mantivo unha xuntanza coas outras administración que se personaran na causa para a recuperación da propiedade: Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e concello de Sada, para comezar a orientar o futuro do inmoble. Calvo cualificou a xuntanza como de "moi construtiva" e sinalou que na propiedade, da que aínda non se explicaron as fórmulas de xestión, se explicará "a presenza de Franco alí, pero cunha mirada propia da Memoria Democrática e o relato democrático", así como a "reivindicación dunha figura tan importante para entender as letras galegas e españolas como é a de Emilia Pardo Bazán". Precisamente o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou na súa conta que a Xunta quere que o pazo "volva aos galegos e se convirta nun faro da igualdade que aproveite o legado de Pardo Bazán". A vicepresidenta Calvo sinalou que está prevista unha primeira apertura do pazo ao público nas vindeiras semananas.


Por outra banda, tanto o concello de Sada como a familia Franco criticaron o inventario de bens do Pazo de Meirás realizado pola Xunta. Segundo o alcalde de Sada, o inventario é "incompleto, impreciso e omisivo", xa que non vincula os bens coa categoría actual do edificio como ben de interese cultural. Pola súa banda, a familia Franco presentou un escrito no xulgado opinando que "ningún dos bens mobles achega absolutamente nada á significación do inmoble como Ben de Interese Cultural".