Premio á mellor dirección internacional para Lois Patiño en Colombia por 'Lúa Vermella'

Ramiro Ledo recoñecido como empresario europeo do ano pola rede Europa Cinemas

O director Lois Patiño ven de ser recoñecido no Festival Internacional de Cine de Cali (Colombia) co premio á mellor dirección pola súa longametraxe Lúa Vermella. O filme de Patiño participou na sección internacional deste certame que exhibiu nesta edición 56 películas baixo o lema “Cine para nuestro tiempo, O FICC 2020 buscou presentar este ano “un cine que corre riscos, que conta as súas historias desde unha mirada antipatriarcal e incluínte”. Patiño aumenta así o palmarés desta Lúa Vermella que obtivo a Biznaga de Plata á Mellor Película Española na Sección ZonaZine do 23 Festival de Málaga e o Premio á Mellor Película na 25ª edición do Festival Cinespaña de Toulouse. O cineasta tamén ve recoñecido o seu labor como director grazas a este segundo traballo, como xa fixera con Costa da Morte (2013) a súa primeira longametraxe pola que obtivera o premio á mellor dirección emerxente no festival internacional de Locarno.

Premio europeo para Ramiro Ledo
Tamén a parte de exhibición do noso audiovisual viuse premiada estes días. O colectivo de Cines de Europa, unha rede de cines centrada na exhibición de produción europeas, ven de recoñecer a Ramiro Ledo Cordeiro Lugo, 1981) como empresario do ano pola xestión do cine Duplex de Ferrol. Ledo recibe o seu premio, dentro dos Europa Cinemas Awards, pola súa aposta polo cinema independente en versión orixinal desde que en outubro de 2019 asumiu a dirección dos Cine Dúplex, a única sala no centro de Ferrol, que ata ese momento só programaba grandes estreas comerciais, maiormente en versión dobrada. Ramiro Ledo é tamén fundador da sala Numax de Santiago, formando parte da cooperativa que creou este espazo.

Ramiro ledo ante os cines Dúplex. Foto: Alicia Seoane
Ramiro ledo ante os cines Dúplex. Foto: Alicia Seoane