A RAG celebrará un congreso internacional sobre Emilia Pardo Bazán en 2021

Desenvolverase no outono a conmemorar o centenario do falecemento da autora

Co final de ano están a presentar algunhas das iniciativas que conmemorarán, no vindeiro 2021, o centenario do falecemento de Emilia Pardo Bazán. Logo da exposición que acollerá a Biblioteca Nacional de España sobre a autora, a Real Academia Galega anunciaba este 2 de decembro que no vindeiro outono celebrará o Congreso Internacional Emilia Pardo Bazán, 100 anos despois. Segundo recolle o web da institución, a cita "xuntará especialistas e estudosos na obra da autora de prestixio internacional e vinculados a institucións de distintos países".

O académico correspondente José Manuel González Herrán dirixe o comité organizador do evento, que contará con nomes como a académica correspondente e profesora da Universidade da Coruña Olivia Rodríguez González, o profesor do Brooklyn College Alejandro Alonso Nogueira e o profesor da Universidad Nacional de Educación a Distancia (UNED) Santiago Díaz Lage. Entre as persoas que achegarán relatorios ao encontro están Isabel Burdiel (Universitat de València), Ana Freire (UNED), Jo Labanyi (New York University), a académica de honra Marina Mayoral (Universidad Complutense), Ermitas Penas Varela (USC), Marisa Sotelo (Universitat de Barcelona), Dolores Thion (Université de Pau), Enrique Rubio Cremades (Universitat d'Alacant) e Íñigo Sánchez-Llama (Purdue Universty), a proporcionar diferentes visións sobre a homenaxeada. Os relatorios compilaranse na revista La Tribuna. Cadernos de Estudos da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán que publica a RAG.