Chega á Coruña a grande exposición sobre Pardo Bazán

O Quiosco Alfonso acolle ata o vindeiro 18 de decembro Emilia Pardo Bazán. O reto da modernidade

| Santiago. Redacción | Seccións: HistoriaExposicións
Compartir:
Chega á Coruña a grande exposición sobre Pardo Bazán

Logo da súa estadía na Biblioteca Nacional de Madrid, a mostra Emilia Pardo Bazán. O reto da modernidade, abría as súas portas este 28 de outubro no Quiosco Alfonso da Coruña. A que é a grande exposición sobre a escritora herculina con ocasión do centenario do seu falecemento, percorre a través de duascentas pezas as múltiples facetas da autora, coa intención de "achegar luz ao crebacabezas" que supón a súa figura, segundo explica a presentación da iniciativa.

A historiadora e biógrafa da autora Isabel Burdiel comisaría este proxecto, no que quere amosar como a vida e obra de Pardo Bazán "responderon e déronlle cabida a todos os retos e a todas as inquedanzas da modernidade na España da Restauración (1875 – 1923) e na Europa do seu tempo. O obxectivo consiste en trasladarlle ao público, de forma expresiva, as respostas de Pardo Bazán a eses retos, os cales resultan cruciais para revisar e para actualizar a historia literaria e intelectual do último terzo do século XIX e das primeiras décadas do XX".

Canda a isto, no proxecto "interesa amosar a modernidade das súas preguntas e das súas respostas literarias, intelectuais, persoais e políticas, así como a súa dimensión europea, transnacional. Tamén todas aquelas ambivalencias, dúbidas e paradoxos do que se consideraba na época ser moderno".

Fotografías, correspondencia, primeiras edicións, traducións e manuscritos e mecanoescritos con correccións feitas á man pola autora son algunhas das pezas que se poden ver na Coruña ata o vindeiro 18 de decembro. O proxecto está organizado pola Biblioteca Nacional de España, Acción Cultural Española, a Comunidade de Madrid e a Xunta de Galicia coa colaboración da propia Real Academia Galega, que achegou setenta das pezas en exhibición, e do Concello da Coruña.

Que che parece esta nova?
62 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Emilia Pardo Bazán, Biblioteca Nacional, Madrid, Isabel Burdiel...