O Concello de Santiago abre un formulario de censo de axentes culturais locais

A primeira acción do consistorio da capital cara ao sector busca sensibilizar sobre o peso da industria cultural na cidade

A concelleira de Acción Cultural da capital galega, Mercedes Rosón, acompañada de Fátima Rodríguez, da empresa Promove Consultoría, presentaron a que será a primeira acción concreta do goberno local cara ao sector cultural. A través das ferramentas informáticas do departamento de Promoción económica o concello abre un formulario en liña para a inscrición voluntaria de todos os profesionais e empresas das industrias culturais do municipio coa fin de crear un directorio que permita poñer en valor e cuantificar a importancia do sector na cidade, no cal se porá o foco desde este Nadal cunha campaña en redes sociais para "sensibilizar" á cidadanía da seguridade na cultura e o a súa importancia coma ben social. O directorio estará focalizado nas industrias culturais, artistas visuais, músicos, sector audiovisual e escénico e edición de libro. Ademais, segundo afirmaron na presentación deste formulario, con este listado desde a concellería de Acción Cultural poderán deseñar novas accións de promoción de cara ao 2021 para estimular o consumo cultural en xeitos aínda por definir. O formulario xa está dispoñible na web da empresa pública CERSIA. Para a vindeira campaña en redes sociais está prevista a gravación audiovisual de microeventos sen público que logo serán distribuídos polas redes.

"O obxectivo é sensibilizar a toda a cidadanía e a outros sectores da cidade do difícil momento que atravesa a cultura, facela consciente da importancia estratéxica da cultura para o presente e futuro de Compostela, e tomar conciencia de que cada un/unha de nós pode axudar recoñecendo a riqueza e diversidade artística e consumindo os produtos e servizos culturais que se ofrecen na cidade", explicou a concelleira. Rosón fixo mención, nesta presentación, da recente aprobación en Pleno do Concello do uso de 3,5 millóns de remanentes de Tesourería a axudas aos sectores afectados pola situación de pandemia, do comercio, ao sector da cultura e ao sector da hostalería pero aínda que se cuantificaron liñas para comercio e hostaleira non se fixo o propio coa cultura. Consultado sobre isto, desde o departamento de Acción Cultural a concelleira afirmou estar a traballar "nunhas bases para o sector profesional da cultura de Compostela que permitan, por una banda, xerar produción cultural para o 2021 adaptada á actual situación, e polo tanto cun plantexamento que incorpore o streaming como ferramenta de difusión; e, pola outra, financiar esas producións e os gastos correntes derivados das mesmas". O pasado 17 de abril o alcalde compostelán, Xosé Antonio Sánchez Bugallo, na presentación do Plan Marco de Reactivación Económica de Santiago avanzou que en dúas semanas a partir dese momento presentaríase un plan específico de reactivación da cultura na cidade. O formulario para elaboración dun directorio local presentado esta semana anúnciase coma un primeiro paso nese sentido.