O Festival Kerouac mantense fiel á súa cita coa poesía en Vigo

O Ciclo Poetas Di(n)versos enceta na Coruña unha nova edición

A facer dez anos, o Festival Kerouac volta este 21 de outubro a achegar poesía ás rúas de Vigo. Ata o vindeiro 25 de outubro, e nunha edición mixta, o evento mesturará recitais, música e performances. Un recital colectivo no Muro dos Poetas será o único evento presencial dun programa adaptado á situación sanitaria. Graciela Baquero Ruibal, Francisco Álvarez Koki, Oriana Méndez, Anna R. Figueiredo, María Villar, El lobo está aquí, Nicole Doural, Iria Bragado, Constance Hurlé e Lupita Hard serán os vates encargados da apertura do encontro.

O Poemóbil, que circulará polas rúas da cidade a emitir poesía por altofalantes será outra das propostas localizadas en Vigo. O resto de iniciativas desenvolveranse de xeito virtual, a incluír unha mesa redonda sobre a situación da poesía, un recital internacional vía Zoom, una mostra de performance con Montengro Fisher, Lola Nieto e Elektrosía ou un livestreaming de música de Mateo Fixemberg.

Pola súa banda, o Concello da Coruña iniciará este 26 de outubro, ás 20.30 horas, a décimo segunda edición do ciclo Poetas Di(n)versos. O Centro Ágora acollerá o primeiro recital da xeira, co ourensán Ramón Caride e a gran dama da poesía canaria, Elsa López a amosar os seus traballos. A primeira parte deste ciclo continuará o 23 de novembro co italiano Ángelo Néstore e o noiés Ismael Ramos, para rematar o 14 de decembro coa bueuesa Miriam Ferradáns e Xuan Bello, destacada voz da literatura en asturiano.