O vindeiro 11 de novembro terá lugar no Teatro Valle-Inclán de Madrid a estrea de Siglo mío, bestia mía o novo espectáculo teatral da compañía Voadora en coprodución co Centro Dramático Nacional que quedou adiado durante o confinamento. A compañía galega de vangarda, baixo a dirección de Marta Pazos, levará ás táboas esta obra baseada no texto homónimo de Lola Blasco gañador do Premio Nacional de Literatura Dramática 2016. Neste espectáculo Marta Pazos se mergulla "nunha obra deste tempo" a través de formas diferentes de entender o mundo. Desde a crise persoal da protagonista, até o terrorismo no mundo globalizado, a peza ofrece unha cartografía emocional "para non perder o rumbo en tempo de catástrofes". "Siglo mío, bestia mía é unha peza de aparencia fondamente dramática pero na que prevalece a celebración da vida", apunta a directora. O espectáculo contará no reparto con Bruna Cusí (gañadora do Goya á Mellor Actriz Revelación por Estiu 1993), Miguel Ínsua, Hugo Torres, José Díaz, César Louzán e a propia autora do texto, Lola Blasco. A dramaturxia dirixida por Marta Pazos, galardoada este verán co Premio de Honra Roberto Vidal Bolaño 2020, é a segunda creación que Voadora presenta este 2020 da man do CDN, logo da estrea en maio de Soy unha humana, unha videocreación rodada no confinamento que se deu a coñecer a través da iniciativa "La ventana de la creación". A nova obra ofrecerá funcións nese recinto ata o vindeiro 20 de decembro e as entradas xa están a venda no sitio web do CDN.