No marco do I Congreso Internacional do Teatro Galego que comeza hoxe na Cidade da Cultura de Galicia o Observatorio da Cultura do Consello da Cultura Galega presenta o resultado final do Informe sobre o teatro galego: creadores, xestores e públicos, un estudo encamiñado a analizar a realidade do tecido teatral no noso país do que xa se avanzaron algúns datos o pasado mes de febreiro co gallo do Día Mundial do Teatro. O texto parte dunha investigación consensuada cos representantes do sector das artes escénicas que pretende paliar a falta de información relativa á relación existente entre creadores, xestores e públicos de teatro. Ademais, respecto á súa inicial previsión, o informe viuse na necesidade de engadir unha ampliación do contido na que se dá conta da situación das artes escénicas dende a declaración do estado de alarma en marzo de 2020. Descríbese a situación xeral das empresas do sector das artes escénicas durante o confinamento e nos meses posteriores, así como as consecuencias económicas e laborais máis importantes, xunto coas perspectivas inmediatas. Os datos acadados pola publicación sacan unha instantánea de situación imprescindible á hora de abordar calquera análise ou reflexión.

Outro dos moitos datos que este documento achega sobre o público asistente ao teatro ten que ver coa propia configuración territorial do noso país ao amosar unha grande mobilidade xeográfica: ata o 40,1% do público enquisado desprazouse nalgún momento a un concello distinto ao da súa residencia para asistir a funcións. Os datos amosan que este desprazamento na procura de representacións efectuouse en maior medida de rural a urbano. De feito, segundo se sinala, a asistencia é maior canto mais urbana é a contorna de residencia do enquisado e canto máis idade ten marcando unha asistencia media de 6,7 funcións nos últimos 12 meses no momento da enquisa. Este dato, xunto con esa idade media sinalada de 42 anos, semella amosar arestora un afastamento entre a xuventude e o consumo teatral que talvez sería aínda máis acentuado de non ser pola razoablemente boa saúde do teatro infantil e familiar (o 33,6% do teatro que se programa) que é o xénero teatral con máis demanda en todos os concellos de menos de 50.000 habitantes. En todo caso a asistencia dos menores de 30 anos nos espazos teatrais do rural cae ata o 6,6% mentres que nos urbanos supón tan só un 16,2% o que supón unha baixa integración dunha ampla franxa de idade. Unha situación profesional precaria e pouco repartida Un dos capítulos deste extenso traballo está enfocado á situacións dos profesionais creadores. A enquisa a profesionais galegos das artes escénicas levouse a cabo coa técnica da enquisa telefónica asistida por ordenador aplicada a unha base de datos construída a partir de varios listaxes con contactos de socios da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, dos responsables das compañías asociadas a Escena Galega e de membros da Academia Galega de Teatro. Na data de finalización dos traballos de campo o estudo pechou coa entrevista efectiva a 252 profesionais e un perfil xeral cun peso lixeiramente superior de homes (52,4%) que de mulleres (47,6%) e unha idade media bastante coincidente coa do seu público, de 45,87 anos, dado que o treito con maior peso porcentual é o das persoas que teñen entre 35 e 49 anos (45,2%) seguido polo de 50 a 64 anos (30,2%).ATA O 40,1% DO PÚBLICO DESPRAZOUSE NALGÚN MOMENTO A UN CONCELLO DISTINTO AO DE RESIDENCIA PARA ASISTIR A FUNCIÓNS

Nese sentido de maior actividade e mellor situación económica o informe sinal que á vista dos datos ofrecidos polas variables de segmentación, semella que participar en obras de teatro infantil permítelles aos profesionais do sector alongar a súa temporada de traballo, incrementar o número de funcións realizadas e, polo tanto, acadar unha maior vinculación salarial á súa actividade como profesionais das artes escénicas. Así parecen deducir desde o Observatorio da Cultura do feito de que o 47,6% das persoas que traballaron todo ou case todo o ano participaron en obras de teatro infantil, porcentaxe que fica por debaixo do 21% entre quen traballou menos de 10 meses. Do mesmo xeito, comprobouse que participaron neste tipo de obras o 62,5% dos que realizaron máis de 50 funcións e o 48,3% dos que fixeron entre 26 e 50, pero só o 26% dos que fixeron entre 1 e 25. Consecuentemente, constatouse que case a metade dos profesionais que obteñen a totalidade dos seus ingresos por actividades vinculadas ás artes escénicas participaron en funcións de teatro infantil, cifra que baixa ata o 15,6% entre quen non obtén ingresos exclusivamente desta actividade. Os escenarios e a súa xestión Estudar e presentar un perfil das persoas que se ocupan da xestión das programacións culturais e dos propios espazos onde se realiza a actividade teatral é outro dos puntos de análise deste traballo do Consello da Cultura Galega. Do mesmo xeito que se fixo co resto dos axentes o informe fai un perfil destas persoas que toman decisións ou fan propostas sobre as programacións e configuran as axendas, maiormente en administracións locais aínda que tamén a nivel autonómico e nas escasas salas privadas. O perfil das persoas responsables da programación en Galicia que achega este estudo describe de xeito predominante a unha muller, duns 49 anos, funcionaria ou persoal laboral da Administración pública, principalmente do ámbito municipal. No 82% dos espazos estudados as tarefas de programación son levadas a cabo por persoal funcionario ou laboral que debe asumir ademais outras funcións que en moitas ocasións son as principais, quedando a cultural relegada a un seguindo plano de importancia. O 40,7% destas profesionais carece de formación específica e só un 21% conta con formación regrada no ámbito da xestión cultural. De feito, o 88,6% non se dedican exclusivamente á programación. En xeral trátase dun perfil pouco profesionalizado, cun baixo nivel de formación regrada no ámbito da xestión cultural e sen experiencia previa nin dedicación exclusiva.O 61,9% DOS PROFESIONAIS NON ACADARÍA O SALARIO MÍNIMO INTERPROFESIONAL SE SÓ SE TEÑEN EN CONTA OS INGRESOS DAS ARTES ESCÉNICAS
Ao preguntarlles durante a elaboración do estudo ás persoas responsables da programación polos aspectos que cren que deberían mellorar nos seus espazos escénicos, foron numerosas as respostas espontáneas recibidas, polo que unha vez recodificadas deron lugar a unha extensa listaxe de categorías recollida no traballo, da que as carencias máis sinaladas son as referidas a cuestións técnicas, en especial no que atinxe aos sistemas de iluminación e son ainda que tamén a outras cuestións dos propios espazos, coincidindo nisto coa opinión dos profesionais das artes escénicas. A continuación, e cunha porcentaxe tamén moi destacada, figuran cuestións estruturais, relativas ás características arquitectónicas das edificacións (tamaño, disposición das butacas, espazo do escenario etc.). En terceiro lugar está a demanda de máis persoal ou dunha profesionalización deste e en cuarto a dun incremento do orzamento. Un dos aspectos de maior interese que atopan os asinantes do informe desta enquisa ao persoal programador consistiu en coñecer cal é a súa estratexia á hora de definir a programación do espazo escénico do que son responsables. Só o 35,5% das persoas responsables da programación nos espazos escénicos de Galicia adoita acudir á representación dunha obra antes de contratala, mentres que o 17,8% dos responsables da programación dos espazos enquisados recoñece abertamente que nunca asiste a unha representación das obras antes de contratalas. Solicitouse coñecer neste sentido que porcentaxe das funcións que programan parten da súa iniciativa, da iniciativa doutras administracións ou da proposta das propias compañías artísticas. Os datos recollidos indican que no conxunto da mostra a iniciativa divídese case a partes iguais entre os propios programadores (42,8%) e o aproveitamento das iniciativas impulsadas por outras entidades ou administracións (42,4%), mentres que só un 15% das funcións que programan son froito da iniciativa das compañías artísticas. Cómpre tamén sinalar a xuízo deste estudo que nos espazos de maior cabida a iniciativa das propias compañías acada o 26,8%. Propostas de mellora A presentación de propostas de cara a unha mellora da situación era unha das cuestións que s presentaron a todos os axentes no proceso de elaboración deste informe. Aumentar o coñecemento público da oferta parece unha cuestión das máis relevantes. Tanto espectadores, (38,3%) como os profesionais (52%) consideran nas súas respostas que unha maior difusión ou publicidade das obras programadas contribuiría positivamente na atracción de máis xente ao teatro. Porén, existe unha discrepancia no que respecta ao un hipotético efecto positivo na afluencia ao teatro dunha redución dos prezos das entradas, xa que tan só un 19,8% dos profesionais pensan así fronte ao 60,6% do público. A investigación tamén tratou de dar conta de como mellorar as canles de relación entre creadores e xestores e para iso propón tres estratexias. A xuízo dos primeiros, o principal sería crear espazos estables de contacto entre responsables da programación e compañías, como potenciar as feiras de teatro ou a celebración de congresos, xornadas, mesas redondas, etc. (41,3%). A segunda vía máis apuntada require dun cambio de actitude por parte dos programadores, amosándose máis receptivos, facilitando o contacto, acudindo ás obras de teatro, etc. (29,4%). A terceira estratexia suxerida é a da profesionalización da figura dos programadores dotándoos de formación específica para o seu labor, logrando que poidan prestar unha dedicación a tempo completo á programación (21%). Por último, grazas a enquisa tamén se puido constatar que a calidade da oferta teatral non está entre os problemas que poida ter que afrontar a escena galega. Unha vez medida a satisfacción do público de teatro en Galicia, tanto as instalacións como a programación habitual do espazo no que foron enquisados logran puntuacións medias en torno ao notable: as instalación son puntuadas cun 7,55 na escala do 1 ao 10 e a programación habitual cun 6,88.O 17,8% DOS RESPONSABLES DA PROGRAMACIÓN RECOÑECE ABERTAMENTE QUE NUNCA ASISTE A UNHA REPRESENTACIÓN DAS OBRAS ANTESD E CONTRATALAS






