A RAG estrea o seu web sobre Carballo Calero

O novo espazo permitirá seguir ao vivo o simposio sobre o autor a partir deste 8 de outubro

A recoller os diferentes contidos que sobre Ricardo Carballo Calero foi producindo ao longo do último ano, a Real Academia Galega acaba de publicar un novo sitio web dedicado especificamente ao autor. O espazo achega unha biografía, un repaso da obra, os vídeos da iniciativa Unha palabra para don Ricardo, entrevistas, audiovisuais, recursos e ligazóns arredor do homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2020. A institución anunciou ademais que este novo web é un adianto de como será o seu futuro espazo na rede, cunha imaxe renovada e a transmisión en liña das principais actividades da institución.


Precisamente, o web dedicado ao autor acollerá as retransmisións ao vivo das mesas do Simposio Carballo Calero, principal cita académica arredor do protagonista desta celebración. O encontro anual para reflexionar sobre o autor homenaxeado no Día das Letras modifica o seu formato habitual por mor da pandemia e desenvolverase no propio salón de actos da Real Academia Galega os xoves 8, 15, 22 e 29 de outubro en sesións que comezarán ás 19 horas.

Unha mesa dedicada a analizar o autor no seu tempo abrirá este encontro o día 8 coa presenza de
Justo G. Beramendi, Carmen Blanco e José-Martinho Montero Santalha, coa moderación de Ramón Villares. Na sesión do día 15 trataranse os estudos literarios do profesor da man de Dolores Vilavedra, Alberte Valverde e María Pilar García Negro, mentres o día 22 Pilar Pallarés, Laura Tato e Henrique Rabuñal debaterán sobre a súa creación literaria. Finalmente o 29 de outubro
Henrique Monteagudo, Serafín Alonso Pintos e Eduardo Maragoto tratarán as súas ideas e achegas sobre o idioma.

Canda a estas novidades, a RAG elixiu no plenario que celebrou o pasado 2 de outubro o filólogo Xavier Senín como académico correspondente da institución. A entidade destaca entre os seus méritos o de ser "unha das figuras máis destacadas na tradución ao galego, con máis de cento cincuenta volumes publicados en numerosas editoriais" a incluír os álbums de Astérix ou unha versión do Quixote. Ademais, segundo recolle a RAG, o seu novo membro "exerceu un apoio decidido ao libro galego como subdirector xeral do Libro e Promoción Cultural da Xunta de Galicia entre 1987 e 2006".