
O director do evento, Pela del Álamo, destacou do programa, que se desenvolverá entre o 3 e o 11 de outubro vindeiros, a estrea de Lúa Vermella, último filme de Lois Patiño. Canda a este, un ciclo dedicado a Dennis Hopper estreará a nivel estatal a versión restaurada do seu filme Out of the blue. No campo das longametraxes, o festival acollerá as estreas dos últimos traballos de Camilo Restrepo ou de Óscar Alegría, ás que se engaden unha sección oficial composta por 35 filmes de 22 países e propostas paralelas que inclúen performances ou concertos.
As proxeccións, para alén das sedes habituais do evento en Santiago de Compostela, poderán seguirse na plataforma Filmin, mentres as actividades paralelas estarán tamén dispoñibles en liña desde o propio web do festival.