
O audiovisual galego non só estará presente nas proxeccións de Curtocircuíto, senón tamén nas actividades. É por iso que nesta edición o festival levará a cabo, en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual, as Mesas interxeracionais do audiovisual galego, un conxunto de relatorios e debates cun programa que o festival dará a coñecer nas próximas semanas Ademais, o Curtocircuíto seguirá a virar dende a curtametraxe cara contidos interdisciplinarios, afondando na fusión entre diferentes artes. Máis aló do cinema, Curtocircuíto ofertará unha gran variedade de propostas dando continuidade a Arredor do son, no que tamén haberá espazo para a música e o pensamento con proxeccións, actividades formativas e diversas performances que terán lugar en diferentes emprazamentos da cidade.
Planeta GZ: variedade estética, temática e narrativa
A sección competitiva Planeta GZ volve reflectir a riqueza e variedade do cinema galego actual, con estéticas, temáticas, xéneros e mesmo procedencias ben diferentes. Así, A nena azul, un drama con tintes de cinema fantástico, producido en Galicia e dirixido pola veterana realizadora naronesa Sandra Sánchez, terá a súa estrea nesta sección. Oliver Laxe compón en O salvaxe leva o seu tempo unha carta cinematográfica tamén gravada en Galicia tralo seu retorno de Marrocos, mentres autores e autoras como Iván Castiñeiras (Trajectory Drift), Brandán Cerviño (Carta a Leningrado) ou as Also Sisters (The Film Machine) rodaron as súas pezas en Francia, Cuba e Estados Unidos respectivamente. A diversidade de contextos de traballo trasládase tamén á presenza tanto de obras de ficción como de documentais e filmes de carácter máis experimental. No primeiro ámbito, ademais de Sandra Sánchez e as Also Sisters, están presentes Laura Pousa con Un país extraño (protagonizada por Rosa María Mateo) ou Noela Gutiérrez con Un ollo de vidro (adaptación do clásico de Castelao). No referente ao documental poderán verse en Curtocircuíto M. (Manuel Moldes Pontevedra Suite, 1983-1987), o retrato que Ángel Santos realizou do pintor Manuel Moldes, recentemente falecido, e as citadas Carta a Leningrado e Trajectory Drift. Por último, o lado máis experimental do cinema galego recente está representado por Caerán lóstregos do ceo de Adrián Canoura e El Espectrorium de Judith Adataberna.