O Festival de Cans pon a andar a súa programación expandida

Oito cineclubes e mais o CGAI acollerán proxeccións desta iniciativa

9/9/2020 | Santiago. Redacción | Seccións: audiovisual
33 lecturas | Compartido 0 veces

Este 9 de setembro comeza Cans Expandido, o novo formato co que o festival audiovisual do Porriño achega a todo o país as curtas que participaron nas súas seccións de ficción e animación. Un total de nove salas, oito cineclubes e mais o Centro Galego de Artes de Imaxe, acollen ata o vindeiro día 13 as proxeccións deste programa, co que a organización do evento pretende "incrementar a visibilidade das curtametraxes, ante a redución de aforo que tivo que aplicar o festival para adaptarse á normativa Covid".

As proxeccións comezan o día 9 no cineclube de Cangas, o Lumière de Vigo, e o CineClube Adega de Vilagarcía de Arousa. O día 10 será a sala de proxeccións do Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI) na Coruña e máis o CineClube Groucho Marx do Barco de Valdeorras as que acollan esta selección de curtas. O día 11 de setembro será a quenda do CineClube Os Papeiros de Chantada e por último, o día 12, o programa chegará ás salas dos cineclubes Val Miñor AG de Nigrán, ao Padre Feijoo de Ourense e ao CineClube do Carballiño.

Universo culturagalega.gal

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Cans, Festival de Cans, CGAI, Animación...