Comezan as gravacións de concertos do Galicia Emerxe que se emitirán na TVG

Cincuenta propostas foron seleccionadas de entre as máis de 700 que se presentaron ao programa

Cincuenta propostas foron seleccionadas de entre as máis de 700 que se presentaron ao programa
A cantante Woyza ofreceu a interpretación en directo de dous dos seus temas durante o acto de presentación
O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia acolle desde onte e durante cinco semanas os traballos de gravación dos 50 concertos ao vivo de Galicia Emerxe, o programa musical creado pola Xunta de Galicia como parte do Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos da Covid-19. Esta iniciativa, na que participan medio centenar de artistas e grupos galegos de moi diferentes estilos, conta cun orzamento de 500.000 euros destinados a dotar de liquidez as empresas da industria musical, así como a ofrecerlles unha nova plataforma de promoción do seu traballo mediante un atractivo formato audiovisual, deseñado para a súa emisión televisiva a través da canle pública galega TVG e a súa posterior difusión en liña dos 50 programas duns 40 minutos de duración que, ademais dos concertos, incluirán a intervención dos seus respectivos protagonistas para falar sobre a súa traxectoria e os seus proxectos máis inmediatos. Nomes tan coñecidos como Xoel López, Luar na Lubre, Novedades Carminha, Susana Seivane, Mercedes Peón ou Triángulo de Amor Bizarro comparten programa con artistas que están a despuntar no panorama musical galego, como High Paw & Elephant Yards, Xoana, Blanco Palamera, Faia, Boyanka Kostova, Laura LaMontagne ou Pauliña, entre moitos outros seleccionados por unha comisión artística de entre as máis de 700 propostas recibidas a través dunha convocatoria pública.

As bandas e solistas foron seleccionados, atendendo a criterios como a traxectoria artística, a actividade recente ou a perspectiva de xénero. O resultado nesa perspectiva foi de 12 solistas femininas e 11 masculinos, e nove grupos maioritariamente femininos das 27 bandas que se gravarán. Ademais das 41 axencias de contratación galegas a través das que participan os artistas seleccionados, Galicia Emerxe mobiliza 21 empresas de servizos musicais, así como máis de 20 técnicos de son dos propios grupos. Neste sentido, están implicadas áreas como produción, son, iluminación, realización e edición de vídeo, deseño gráfico e visual, construción efémera, escenarios e estruturas, hospitalidade, backline, comunicación e, especialmente diante da actual situación, seguridade e prevención de riscos laborais para garantir tamén un estrito protocolo hixiénico-sanitario dos equipos artísticos e técnicos.