O Xº Encontro de Artistas Novos busca o talento dentro de Galicia

Corenta artistas galegos ou residentes en Galicia poderán tomar parte no Gaiás

Corenta artistas galegos ou residentes en Galicia poderán tomar parte no Gaiás
A Xunta vén de convocar unha nova edición do seu Encontro de Artistas Novos (EAN) que en 2020 cumpre dez anos ao redor da arte emerxente e a creación contemporánea. O EAN10 ofrece a corenta novos creadores a oportunidade de participar nunha estancia de catro días no complexo da Cidade da Cultura durante a que presentar o seu proxecto creativo, ademais de optar a realizar unha intervención artística nas Torres Hejduk do complexo, co Camiño de Santiago como eixo. Como novidade nesta edición, e enmarcado no Plan de reactivación do sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados do coronavirus, a participación no programa estará circunscrita a artistas nados e/ou residentes en Galicia. O programa -a desenvolver entre o 23 e o 27 de agosto- incluirá o xa clásico Foro Aberto, no que os e as corenta participantes realizarán unha presentación pública centrada no seu traballo e proxecto creativo persoal, servindo de plataforma e escaparate das súas creacións.

O programa sufrirá este ano pequenas variacións, especialmente de tipo loxístico, para adaptarse ás limitacións de capacidade, distancias mínimas e outro tipo de recomendacións marcadas polas autoridades sanitarias e garantir que o encontro se celebre nas mellores condicións de seguridade para todos e todas as participantes. Os artistas emerxentes que acaden unha praza terán a oportunidade de entrar en contacto con outras traxectorias e procesos creativos a través dunha serie de conferencias impartidas por artistas de renome como o cineasta Oliver Laxe (París, 1982), recentemente premiado en festivais como Cannes ou os Goya co seu último filme O que arde. Esta edición incluirá tamén a presenza da artista interdisciplinar Paula Rubio Infante (Madrid, 1977), premio El Ojo Crítico 2015 de Artes Plásticas e VIII Premio ARCO a Jóvenes Artistas 2011; a artista plástica e profesora na facultade de Belas Artes de Pontevedra, Chelo Matesanz (Reinosa, Cantabria, 1964); e o creador multidisciplinar Carlos Aires (Ronda, Málaga, 1974), coñecido polos seus traballos de fotografía e escultura. Os artistas emerxentes interesados en seren seleccionados para participar no EAN10 deberán enviar a súa solicitude antes das 15,00 horas do 3 de xullo.