Botan a andar as accións formativas do Plan de reactivación do sector cultural

A Xunta anuncia un investimento de 90.000 euros con colectivos de música, audiovisual e artes escénicas

A Consellería de Cultura anunciou este 10 de agosto un investimento de 90.000 euros en accións formativas dentro do Plan de reactivación do sector cultural ante a Covid-19. O organismo público asinou cadanseu convenio coa Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), a Asociación de Empresas Tecnolóxicas e Servizos Audiovisuais de Galicia (Agatec), a Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) e mais Escena Galega para desenvolver diferentes programas didácticos que se desenvolverán ao longo do segundo semestre de 2020.

Segundo adianta a Consellería, a Agapi centrará o seu proxecto formativo "na parte económica dos proxectos audiovisuais" e porá en marcha "un servizo de consultoría individualizada para empresas galegas do sector". No caso da Agatec, convocaranse "tres cursos teórico-prácticos especialmente pensados para persoal técnico e directivo no ámbito dos servizos tecnolóxicos e de alugueiro de equipos para espectáculos e eventos culturais". Desde a AGEM desenvolverán accións formativas en campos do máis variado, desde prevención e xestión de eventos en tempos de pandemia ata formación en deseño, idiomas ou tarefas técnicas. En Escena Galega, pola súa banda, abordarán normativas estatais no sector escénico, ferramentas ofimáticas e convocatorias de axudas, ademais de desenvolver tamén un servizo de consultoría para empresas asociadas.

Estas iniciativas súmanse a accións como as que xa está a desenvolver a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, que ten aberta a matrícula para o seu plan de formación de 2020. A transformación dixital na Xestión Cultural será o eixe dos sete cursos en liña convocados ata o vindeiro mes de decembro.