O Festival C ofrecerá en Santiago unha programación cultural reforzada durante agosto

Pontevedra comeza hoxe as Noites de Jazz con 45 músicos locais actuando ata o 1 de agosto

O Concello de Santiago ofrecerá no mes de agosto case medio cento de actividades artísticas e culturais que terán lugar en diversos espazos da cidade ao longo do mes baixo o nome de Festival C. Danza, circo, literatura, música e artes escénicas e visuais serán as protagonistas nas rúas, prazas e espazos culturais de toda a cidade, nas que terán especial presenza os eventos desenvolvidos ao aire libre. A aposta polo reforzo da oferta cultural enfocada aos cidadáns máis que ao turismo durante este verán tan especial inclúe un amplo abano de disciplinas artísticas, con propostas moi diversas. Así, haberá actividades de circo dirixidas ao público familiar na praza da Quintana, funcións de danza no parque de Bonaval e recitais de poesía. Nas rúas do Ensanche realizaranse dúas intervencións artísticas efémeras, Dioiva de nomes de muller e Os nomes que habitamos, que levarán a reflexionar sobre as mulleres creadoras e a súa pegada na cidade. Isaac Díaz Pardo será o protagonista dos itinerarios culturais no ano do seu centenario. O Festival C inclúe os ciclos De Lugares e Órganos, que versa arredor do patrimonio organístico e achega concertos deste instrumento a diversas igrexas compostelás; e unha edición de verán de Compostela Ilustrada que inclúe obradoiros, encontros con artistas e a elaboración dun mural en directo. Todas as actividades son gratuítas e poden consultarse na web compostelacultura.gal

Noites de Jazz en Pontevedra
Antes diso, en Pontevedra veñen de presentar as Noites de Jazz un programa dedicado a este xénero no marco da actividade festiva de verán que comezará hoxe, 28 de xullo e se manterá ata o 1 de agosto. O programa organizado co Seminario Permanente de Jazz da cidade ofrecerá as actuacións dun total de 45 músicos e músicas galegas ou residentes en Galicia que terán como escenarios principais a praza da Pedreira e a praza do Concello. Ante a cancelación da edición deste ano do festival internacional de Jazz na cidade do Lérez o concello activou esta proposta que permitirá que cita estival co jazz en Pontevedra. Nomes coma Manu Díaz Trío, The Jezz Trío, Kambala Quartet, Baraka Jazz Trío, Rosolino Marinello Quartet, Adrián Solla Trío, Miguel Lamas Quartet, Xosé Outón Trío, Iago Fernández Grupo.