Multiplícanse as homenaxes en memoria de Isaac Díaz Pardo

Sargadelos e Oleiros acollerán espazos dedicados a histórico galeguista

| Santiago. Redacción | Seccións: Historia
Compartir:
Multiplícanse as homenaxes en memoria de Isaac Díaz Pardo

O complexo de Cerámica de Sargadelos situado en Cervo, Lugo, abre este 18 de xullo un novo espazo museográfico dedicado á "historia da cerámica, a evolución estética da produción de porcelana e o importante papel que Sargadelos desempeñou na cultura galega". Situado no antigo edificio do Seminario Sargadelos, o novo espazo concentra "o patrimonio máis relevante que a firma posúe" e propón "un percorrido desde a orixe da actual porcelana" ata "as pezas máis vangardistas" da marca, ademais de repasar "o papel crucial que Isaac Diaz Pardo e Luís Seoane desempeñaron" na súa historia. A visita inclúe a Biblioteca do Seminario e o seu auditorio, que ademais se abrirá a calquera iniciativa interesada.

O novo museo fai parte do programa Experiencias Sargadelos, que convida a visitalo onda a fábrica, a galería de venda de exposición de produtos e a unha taberna temática que tamén abre na mesma fin de semana.

En paralelo a esta proposta, o Concello de Oleiros inaugura na mesma xornada unha homenaxe permanente a Isaac Díaz Pardo no Castelo da Santa Cruz. A proposta inclúe o Memorial Ensambleisaac "unha obra artística de Pacodíaz que combina unha escultura construída e deseñada en base a pezas ensambladas dunha ampla representación de oleiros e ceramistas galegos", segundo explica o Concello. Canda a ela, haberá unha exposición de "obras literarias, pictóricas, fotográficas e musicais que fan referencia á figura de Díaz Pardo".

De cara á celebración do centenario do nacemento do fundador de Sargadelos, o colectivo Alento Esbravexo ten en marcha a iniciativa Unha manda de pezas para Isaac. Na mesma, convídase a persoas de todo o país a enviar a súas creacións arredor desta figura para desenvolver unha homenaxe aínda pendente de concretar.

Que che parece esta nova?
50 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

40 anos de Sargadelos

Xosé Díaz “A exposición pretende comunicarlle á sociedade galega que é o que se está a xogar na deriva actual de Sargadelos”

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Sargadelos, Isaac Díaz Pardo, Luís Seoane, Cervo...