A familia Franco pon á venda a Casa Cornide

O Concello da Coruña prepara un informe para solicitar a declaración do inmoble como Ben de Interese Cultural

En pleno proceso xudicial sobre a propiedade do Pazo de Meirás, e no medio da elaboración dun informe para a declarar como Ben de Interese Cultural, a familia Franco acaba de pór á venda a histórica Casa Cornide. Este inmoble coruñés, que iniciou a súa construción en 1757, apareceu sen prezo inicial no web da inmobiliaria Phillipott & Lloyd, que describe polo miúdo os servizos e distribución interior do pazo.

O Concello da Coruña anunciou a súa intención de solicitarlle á Xunta a declaración do inmoble como BIC a atender á súa singularidade como un dos poucos edificios civís do país en estilo rococó. A finais do pasado mes de xuño retomábanse os traballos, logo da interrupción por mor do confinamento sanitario, para elaborar un informe neste sentido a cargo do historiador da arte Alfredo Vigo Trasancos.

A solicitude do Concello enmárcase na acción para recuperar o inmoble para o dominio público, unha solicitude que se aprobou de xeito unánime no pleno municipal. Canda ao interese patrimonial do edificio, fica aberta a posibilidade dunha reclamación xudicial á familia propietaria ao se considerar que houbo fraude na operación de venda aos Franco.