O Concello da Coruña apoiará cun informe histórico a súa reclamación da Casa Cornide

O texto sinala que os Franco adquiriron o inmoble por unha ínfima parte do seu valor

| Santiago. Redacción | Seccións: Patrimonio
Compartir:

O Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses foi o responsable de elaborar o informe histórico sobre a permuta e a poxa da Casa Cornide que presentou onte o Concello Herculino. O texto apunta que a familia Franco se fixo co inmoble a pagar un 1.200 por cento menos do seu prezo inicial. Segundo explicou Emilio Grandío, director do equipo de investigación, en agosto do 1962 o concello vendeu este edificio histórico a Pedro Barrié de la Maza por 305.000 pesetas e tres días despois este revendeullo de xeito irregular a Carmen Polo, esposa de Franco, por só 25.000 pesetas. O propio estado fixara o valor do mesmo en 344.813 pesetas. O informe sinala ademais que o concello realizou obras de reconstrución na casa desde 1962 a 1976, algo que non entraba nas súas competencias, debido a que este inmoble estaba en mans privadas.

Con estes datos, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, reafirmouse na vontade do Concello de reclamar a propiedade da Casa Cornide por vía xudicial, para o que se apoiará neste informe e mais no estudo histórico artístico co que se procura a declaración desta como Ben de Interese Cultural. Será logo de conseguir esta declaración que se inicien as accións xudiciais ao respecto, segundo asegurou.

De xeito paralelo, o colectivo Defensa do Común realizou onte unha asemblea cidadá co obxectivo de artellar un movemento social para reclamar a recuperación como ben público desta casa singular que a familia Franco puxo en venda recentemente.

Que che parece esta nova?
70 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Concello da Coruña, Emilio Grandío, Inés Rey, Ben de Interese Cultural

Claves

Protagonistas