A adaptación segue a ser a tónica para os organizadores de grandes eventos para non dar por perdido o ano, sobre todo de cara ao seu público máis fiel e tamén para manter a súa marca activa. Festivais coma o Resurrection opta por un formato dixital de resistencia para este 2020 e máis recentemente puidemos saber que o Revenidas de Vilaxoán tamén fará un evento reducido, en conserva. En Bueu a 18ª edición do Festival SonRías Baixas xa quedou adiada para 2021, pero o Recinto da Estacada, onde estaba previsto celebrala os días 31 de xullo e 1 de agosto non quedará sen nada eses días. O MicroSonRías traerá de novo a música á vila eses mesmos días con dous concertos con dous dos artistas que xa estaban previstos no cartel deste ano. O venres 31 de xullo o rock de acento flamenco de Arco, cantante, guitarrista e compositor de El Puchero del Hortelano, chegará ao recinto nun concerto en acústico con amplificación. O mesmo tipo de concerto farase ao día seguinte, sábado 1 de agosto, co artista urbano Rayden, que xa era tamén un dos artistas convocados para versión "macro". Estes dous concertos nun recinto do festival adaptado aos novos tempos e varias sorpresas en espazos singulares da localidade compoñen o MicroSonRías, unha proposta de pequeno formato coa que a organización do SonRías quere recuperar o contacto co seu público, ao tempo que contribúe a limitar o impacto da crise na localidade. Ata 800 persoas poderán asistir a estes eventos, unha cifra minúscula en comparación coas máis de vinte mil congregadas polo festival o pasado ano.
"Aínda que este verán non poderemos achegar esa riqueza económica e cultural á nosa terra", lamentan dende a organización, "si que podemos ofrecer a nosa creatividade na forma dunha proposta "micro", pero moi coidada, adaptada ás circunstancias, que nos permite compartir con parte do noso público o noso amor pola música, sen poñer en risco a súa saúde, nin a dos artistas, nin a do resto das persoas que colaboran co festival, nin a das veciñas e veciños da vila". "Isto é o máis importante para nós", conclúen. As persoas que decidiron conservar as súas entradas para o 18º Festival SonRías Baixas, que se celebrará no verán de 2021, axudando a organización a sobreporse nun momento de gran dificultade, tiveron a ocasión de mercar antes que ninguén as 800 entradas do MicroSonRías. O resto do público poderá facelo a partir de hoxe xoves, na web sonriasbaixas.info, por 10 a entrada para un día e 15 o abono para os dous. O evento conta co patrocinio do Concello de Bueu, de Turismo Rías Baixas e Deputación de Pontevedra e de Agadic, Fest Galicia, e Xacobeo 2021, da Xunta de Galicia.