Erregueté e ZonaZero presentan o ciclo en liña 'Conversas In-certas' de reflexión sobre a actividade teatral

Este xoves terá lugar a primeira e durante o mes de xuño incidirá nas dificultades de programar teatro arestora

Este xoves terá lugar a primeira e durante o mes de xuño incidirá nas dificultades de programar teatro arestora
No marco da situación actual de incertezas para as actividades culturais e os seus traballadores a Revista galega de Teatro Erregueté ven de presentar un ciclo de conversas en liña que desenvolverá en colaboración con ZonaZero (da plataforma creativa ButacaZero de Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira) en modo de webinar con inscrición previa. As Conversas In-certas buscarán reunir voces de persoas do sector teatral galego con ánimo de compartir as súas dúbidas, que poderán versar sobre a escritura, a interpretación, a iluminación, a crítica ou a dirección e que comezarán coa primeira enfocada nas moitas dúbidas e reflexións sobre a difícil tarefa de programar un espazo ou un festival para un outono imposible de prever. A primeira destas series, moderada por Esther F. Carrodeguas, xirará este mes de xuño en torno á programación teatral en tempos pospandémicos. Estas Conversas, segundo dín desde Erregueté, "pretenden ofrecer un espazo de comunicación, reflexión, e investigación non marcado pola certeza senón pola dúbida, a posta en cuestión, co afán de compartir, debater ou propoñer", e estarán abertas a recoller as consultas que as persoas queiran facer aos participantes, que terán que ser sempre por anticipado, vía correo electrónico. A convocatoria será os xoves deste xuño en desescalada, ás 18:00. Este mesmo xoves 11 falará das súas incertezas na programación, Pilar Portela, Directora-Xerente Pazo da Cultura de Pontevedra e Presidenta Asociación de Xestores Culturais. Nos vindeiros serán Carmen Castro, Xefa do servizo de Cultura do concello de Carballo, e Xaquín López, Director-Xerente do Auditorio de Galicia, os que compartan este espazo de reflexión cos e coas interesadas. A inscrición para poder acceder ao WEBINAR será a través do email: conversasincertas@gmail.com.

Programación:
Xoves 11 de xuño | 18:00
Pilar Portela
Directora-Xerente Pazo da Cultura de Pontevedra
Presidenta Asociación de Xestores Culturais
Xoves 18 de xuño | 18:00
Carmen Castro
Xefa do servizo de Cultura do concello de Carballo
Xoves 25 de xuño | 18:00
Xaquín López González
Director-Xerente Auditorio de Galicia