A Cidade da Cultura anuncia unha programación centrada no país

As exposicións sobre Nós e Díaz Pardo son as principais apostas para o segundo semestre do ano

Imaxe de presentación do programa do segundo semestre de 2020 da Cidade da Cultura
Imaxe de presentación do programa do segundo semestre de 2020 da Cidade da Cultura
Coa intención de contribuír á recuperación da actividade no sector cultural tras a crise da Covid-19, a Cidade da Cultura acaba de presentar a súa programación para o segundo semestre de 2020. Segundo explica o web desta entidade, reorientáronse os eventos previstos de xeito que "creadores, técnicos, traballadores e empresas galegos e galegas terán especial protagonismo na oferta prevista para os vindeiros seis meses, período no que se intensificarán os esforzos para dinamizar este sector".

A exposición Galicia, de Nós a nós, en outubro, e mais As miradas de Isaac, que conmemora o centenario de Díaz Pardo supoñen as principais apostas do Gaiás para os vindeiros seis meses. En relación a esta última, o vindeiro mes de agosto "a Xunta presentará un amplo repositorio dixital de información" sobre o recoñecido galeguista.

As intervencións artísticas nas Torres Hejduk e mais no Bosque de Galicia canda ao Encontro de Artistas Novos manteñen a presenza das artes plásticas no recinto, mentres o Obradoiro de Novela Cidade da Cultura celebrará tamén unha nova edición.

A nivel musical retomaranse os ciclos Atardecer no Gaiás e Magosto no Gaiás. A estes súmase o anunciado ciclo de concertos Galicia Emerxe, e mais unha actuación de "tres artistas e bandas galegas de diferentes estilos" para celebrar o Día da Música o 21 de xuño. Desaparece, no entanto, o encontro Serán, dedicado á música popular e tradicional e que celebrou no mes de xuño as súas dúas únicas edicións.

Como novidade, e no marco da programación infantil, incorpórase ao programa deste 2020 "un proxecto co prestixioso mago Pedro Volta que creará a súa propia escola de maxia" nas instalacións.