A Deputación de Ourense prepara un plan provincial de reactivación da cultura

O obxectivo é ofrecer programación a partires do 1 de xullo cos artistas locais como prioridade

A Comisión de seguimento e programación da Rede de Auditorios Provincial de Ourense (reaOU), impulsada pola Deputación, aprobou a elaboración dun plan de reactivación da cultura na provincia, proposto na reunión do presidente do ente, Manuel Baltar, co Comité asesor de Cultura o pasado 14 de maio. O presidente da Deputación destacou a "importancia estratéxica" que o sector económico da arte e a cultura ten para a provincia de Ourense. O plan de reactivación da cultura en Ourense inclúe, que se dea prioridade ás actuacións e espectáculos de artistas locais. Nos próximos días elaborarase un novo catálogo de espectáculos para poder programar, a partires do 1 de xullo, a nova axenda de actividades da rede de auditorios provincial. Actualmente dentro do catálogo da propia rede figuran incluídos 150 espectáculos de artistas locais. Tamén se acordou paralizar ata 2021 a incorporación de novos concellos á rede, que actualmente está integrada por 36 concellos.

A aposta prioritaria polo ámbito da cultura desde a Deputación de Ourense foi sinalada polo presidente Baltar na reunión constitutiva do Comité asesor de Cultura, un órgano impulsado polo goberno provincial que ten como obxectivo poñer en marcha, coa cooperación de diferentes representantes culturais da provincia, este Plan de reactivación do sector cultural en Ourense de cara á etapa "poscoronavirus". O encontro contou coa participación de representantes de 25 entidades, actores, xestores culturais, cantantes, directores de teatro, técnicos e produtores artísticos da provincia de Ourense.