A semana trouxo a presentación dun colectivo artístico, con base viguesa que baixo o nome de "Límites, Corpo Colectivo Transfronteirizo" reúne ata 19 propostas e artistas de diferentes disciplinas como a videoarte, a música, a ilustración, a danza, a poesía ou a performance. A significación de cada unha das palabras elixidas amosa o seu sentido e dirección, toda vez que con "Corpo" fan referencia a un "organismo vivo" co que se fai unha xuntanza de partes como "unha posta en común do acto creativo". En relación á característica de "Colectivo" entenden que esa é a que permite vertebrar a partir dunha variedade de propostas "ás diversas buscas de intervención no ámbito artístico e social". No relativo ao seu carácter Transfronteirizo abordan o concepto como unha mobilidade entre os limiares das distintas disciplinas que reúnen, posibilitando que cada membro coñeza os procedementos de acción restantes e "entendéndoos como similares". Así Límites usa o símil dun bosque un souto ou unha carballeira para situarse como un "espazo transdisciplinar continuo de cruzamento, de hibridación e rede". Todos os proxectos que conforman o colectivo ofrecen unha aposta cara a indagación e experimentación, "transitando e rebasando os límites". O obxectivo do grupo é crear colaboracións e sinerxías conxuntas, apoiándose nun marco de acción común, así como reivindicar esas outras formas de expresión artística que non encaixan nos marcos habituais.