Comeza a nova etapa do MARCO coa exposición 'Xulio Verne. Os límites da imaxinación'

A mostra da Fundación telefónica incluirá pezas cedidas por museos e coleccións galegas

| Santiago. Redacción | Seccións: SociedadeArtePolíticas Culturais
Compartir:
Comeza a nova etapa do MARCO coa exposición 'Xulio Verne. Os límites da imaxinación'

Coa inauguración da exposición Xulio Verne. Os límites da imaxinación nas dependencia do Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO) comezou onte de facto a nova etapa desta institución artística, unha etapa marcada pola ausencia de dirección do centro e de proxecto propio ligado á arte contemporánea. A exposición da Fundación Telefónica chega á cidade tras o seu paso por Madrid, Arxentina e Avilés, para ocupar as salas do MARCO ata o vindeiro 16 de setembro. Tal e como recolle o xornal La Voz de Galicia o acto de inauguración non estivo desprovisto de tensión ao verse o alcalde da cidade, Abel Caballero, interpelado por un socio da Agrupación de Amigos do MARCO e existir protestas por parte de membros do colectivo MARCO Así NON, contrarios todos eles á xestión que desde a alcaldía se está a facer da institución artística .

A exposición serve para conmemorar dous dos feitos que relacionan ao escritor francés coa cidade, un deles ficional e outro real. No 2018 fanse os 150 anos da entrada do Nautilus do capitán Nemo na ría de Vigo que se relata na novela Vinte mil leguas baixo dos mares, e 140 anos da primeira visita de Jules Verne a Vigo. Por estas efemérides a exposición incluirá contidos especialmente relacionados, grazas ao asesoramento de Eduardo Rolland. Así, a sección Mobilis in mobili mostra, por primeira vez de xeito conxunto, pezas únicas vencelladas á figura do escritor francés cedidas por museos e coleccións particulares de Galicia, dende unha maqueta do navío Saint Michel III ata gravados holandeses da Batalla deRande, e pezas orixinais de traxes de mergullador do século XIX. Durante a súa estadía en Vigo, a exposición estará acompañada dun conxunto de actividades paralelas —percorridos guiados, charlas e mesas redondas, e unha mostra bibliográfica na Biblioteca-Centro de documentación, entre outras— ademais dun programa para escolares de todos os ciclos educativos.

Que che parece esta nova?
75 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Fundación Telefónica, Museos, Abel Caballero, La Voz de Galicia...