O Festival Internacional En Pé de Pedra chega á súa oitava edición en Compostela sen ter un futuro claro

Sobrevivir en Pé (de Pedra)

Oito anos a bailar na rúa. O Festival de danza para paseantes en Pé de Pedra continúa a súa andaina en Compostela sen superar de todo os problemas económicos que poñen en perigo a continuidade do evento. Aínda que o ano pasado se temía polo futuro, desta volta o festival confirma o seu crecemento sen que medren os recursos con que conta a organización.

Sete compañías e unha solista. Seis representacións diarias polas rúas durante tres días. Dúas obras producidas especialmente para o festival. Presentacións a nivel galego e estatal. Se o pasado ano o Festival Internacional En Pé de Pedra parecía correr un serio risco de desaparición pola falta de canles estables de financiamento, este ano vemos unha nova edición que, segundo Ana Vallés, promotora deste evento, “será a mellor” das organizadas. O festival sobrevive mantendo as súas características básicas. Os mínimos elementos escénicos. Unha rápida montaxe das obras en plena rúa. Adaptación dos números de danza ao espacio dispoñible ou creación destes para un espacio concreto. Alternancia de figuras consagradas con bailaríns que comezan a súa carreira. Espectáculo gratuíto para paseantes... Sen embargo, o camiño da danza na rúa non deixa de ser difícil.




As dúbidas

“Estivemos varios meses dubidando se deixalo ou seguir adiante co proxecto”, apunta Ana Vallés, directora da Sala Galán, “pero decidimos continuar a política da sala que é continuar ata que non se poida máis”. A anterior edición de En Pé de Pedra saldouse cun déficit de doce mil euros sobre un custo total que andaba sobre os sesenta mil. Un posterior acordo cunha firma privada conseguiu reducir a débeda á metade. Nunha xuntanza con diferentes institucións pouco despois do festival tentouse arranxar o problema do financiamento do festival, sen conseguir un compromiso concreto de apoio económico.



A resolución e o tecido


Finalmente, unha semana antes de que fose dar comezo o festival, o Concello asinaba un convenio coa Galán polo que apoiaba economicamente este evento con vinteún mil euros, tres mil máis có pasado ano. Co incremento na contribución que realiza o IGAEM, tamén tres mil euros a maiores, os organizadores agardan pechar esta edición sen deixaren débedas, mantendo un orzamento semellante ás anteriores. “Cústanos moito organizar o festival sen saber exactamente con cantos cartos imos contar”, sinala Ana Vallés. Ante esta situación, desde a organización incrementaron o traballo de busca de patrocinios privados, sumando a Asociación Compostela Monumental ou o Ámbito Cultural de El Corte Inglés aos colaboradores habituais. O intento de minimizar os gastos chega ata estremos coma o de conseguir a colaboración do Instituto Goethe para que, a través dun convenio desta institución con Lufthansa, os billetes de avión dos bailaríns alemáns que participan no evento saian o máis baratos posible.



Medrar, a pesar de todo


A pesar de que os gastos non medran, e de que o número de actuacións continúa sendo máis ou menos estable, En Pé de Pedra non deixa de ir a máis con cada edición. Os case dezaseis mil espectadores que a organización estima que se achegaron ao festival o ano pasado avalían a importancia desta cita cultural. O alcance internacional do evento increméntase con cada edición. Desta volta hai dúas produccións que se prepararon especificamente para dous espacios concretos de Compostela. Por unha banda, o dúo francés composto por Cynthia Pung-Ngoc e Mathilde Lapostolle, están a preparar desde o pasado día vinteún o espectáculo Nava (que significa “nove” en sánscrito). Trátase dunha danza máxica adaptada ao claustro de San Domingos de Bonaval, que se comezou a preparar no solsticio de verán e se estreará coincidindo coa lúa nova. O público poderá acceder ao proceso de organización desta obra mentres esta se vai creando. Por outra banda, a praza da Quintana será escenario doutra obra feita a propósito. A compañía catalana Mal Pelo, que hai xa dous anos estreara na capital galega o espectáculo “Canción para Santiago”, interpretará este ano “Canción de mar”. Trátase dunha obra que rescata dous dos personaxes da anterior e que os sitúa na praza, coa peculiaridade de que os bailaríns, xa caracterizados, “habitarán” este espacio desde varias horas antes da actuación, participando na vida da praza.



Máis do programa

Outra curiosidade desta edición será a participación da compañía El Tinglao de Madrid, que artella os seus números mesturando a participación de bailaríns profesionais con persoas discapacitadas. Unha das estrelas do festival será a alemana Juschka Weigel, que actuará por primeira vez no noso país presentando unha obra que aínda non interpretou en público. A exploración da expresividade do hip-hop que realiza a compañía El Punto!, ou o prestixioso grupo alemán Malinkiodato son algúns dos números de completan un programa de alta calidade.



O interese dos danzantes

A pesar da incerteza, Ana Vallés asegura que “xa hai compañías apalabradas para o vindeiro ano. Un grupo francés que quería vir este ano pero que tiveron problemas de datas e Min Tanaka, pioneiro da danza buto”. E é que en boa medida o festival medra gracias ao interese de diferentes compañías por achegárense a Compostela. “As produccións realizadas ex profeso para o festival non significan un maior apoio económico ás compañías, son elas as que queren facer isto”, aclara Vallés. Tamén é habitual que haxa compañías ou algúns membros destas que amosen o seu interese en repetir participación, como é o caso de Cynthia Phung-Ngoc. Desde a organización xa estableceron un criterio para estes casos: “Non nos gusta repetir compañías dun ano para o seguinte, e preferimos mesturar xente cunha traxectoria moi contrastada que non se puido ver en Galicia co apoio a xente que comeza”.



Proxectos


O ano pasado Ana Vallés falaba da súa ilusión por estabilizar o financiamento do festival e chegar ata as dez compañías por edición. Tamén comentaba o seu interese en organizar en Compostela un encontro do foro internacional de festivais de danza na rúa “Cidades que Danzan”. E organizar encontros entre profesionais da danza paralelamente ao festival. E habilitar un espacio no programa para novas creacións. Este ano asegura que “ideas hai moitas”, pero polo de agora non hai posibilidades de as desenvolver, e insiste na necesidade de conseguir fontes estables de financiamento para que o festival continúe a existir.