Urxa, o máis descoñecido dos primeiros filmes en galego

O Consello da Cultura Galega pon en liña o filme estreado en 1989

O Consello da Cultura Galega pon en liña o filme estreado en 1989
Fotograma de Urxa
Urxa é o filme menos coñecido dos tres que son considerados o punto de partida do cine en lingua galega. Exhibida na mostra Cinegalicia en Vigo en 1989 canda Sempre Xonxa e Continental, a película narra tres historias cun nexo común: a bruxa Urxa ao longo dun século, como unha metáfora de Galicia e do propio ciclo da vida. A coincidir coa publicación do filme completo no especial "30 anos do audiovisual galego" polo Consello da Cultura Galega, Falamos cun dos seus directores, Carlos A. L. Piñeiro, e co seu produtor Xosé Xoán Cabanas Cao, para coñecermos máis da complicada rodaxe do filme.

Ver Urxa en liña


Na súa infancia, Carlos López Piñeiro e os amigos marchaban ao facerse a noitiña ou comezar a chover á casa dunha vella da aldea chamada Asunción. "Como ela estaba na lareira co lume prendido, nós sentabamos alí e pediámoslle que nos contara contos, pero ela facíase de rogar, e comezaba a cantar", lembra Carlos L. Piñeiro, "ata que nos cansabamos e marchabamos. E cando estabamos saíndo pola porta, ela comezaba a contar. Eu coñecín un home que quedou a durmir cun lobo..., dicía. E xa nos enganchaba. Enunciaba primeiro o clímax da historia para crear expectación e logo comezaba polo principio". Para a súa sorpresa, Carlos L. Piñeiro atoparíase moito tempo despois coa técnica de asunción. "Cando vin Cidadán Kane de Orson Welles, con esa escena de Kane morrendo só ao principio, foi o primeiro que me veu á cabeza! Dixen: este é como a Asunción contando contos!".

De tal curiosa asociación de ideas se cadra lle veña a Carlos López Piñeiro o interese por contar, xunto con Alfredo García Pinal, esta historia que, en realidade, é a suma circunstancial de tres curtametraxes. Coa chegada do goberno tripartito á Xunta, en 1987, abriuse a posibilidade de que o goberno galego concedera axudas para longametraxes a produtoras radicadas en Galicia. Ata o momento, Cultura só concedía axudas a curtametraxes e, no caso das longas, apoiaba a rodaxe de producións foráneas no país. A través dunha asociación de produtoras, os novos profesionais do audiovisual presionaron ao goberno galego e á Televisión de Galicia para que apoiasen as longas producidas no país. A TVG decidiu mercar os dereitos de tres: Sempre Xonxa, de Chano Piñeiro, Continental, de Xavier Villaverde, e, cun orzamento inferior, Urxa, e o goberno outorgoulles subvención.

"Nós xa tiñamos subvención para tres curtametraxes", afirma Carlos López Piñeiro, "pero non as pensaramos como algo moi unitario. Temos tres curtas, cunha pequena axuda máis da Xunta, a ver se chegamos á metade de orzamento de Sempre Xonxa ou Continental", rememora Carlos López Piñeiro. O produtor Xosé Xoán Cabanas Cao lembra tamén a dificultade de conseguir o financiamento: "Digámolo así: Urxa saiu como un total miragre", afirma. Non se trataba só de convencer á administración de que apoiasen os proxectos cinematográficos, senón ás propias entidades bancarias. "Eu chegaba aos bancos e mirábanme como un marciano", afirma Cabanas Cao, "mesmo entidades como o Banco de Crédito Industrial, que era a banca coa que funcionaba o propio Ministerio de Cultura e todos os produtores de cine naquel momento, pero en Madrid. Cando eu cheguei á oficina galega, o director preguntoume que que avais tiña para pedir un préstamo en adianto para a produción do filme. Non os teño, contesteille. El non entendía como lle podía ir pedir cartos. Pero ao final conseguinos". Carlos López Piñeiro alude tamén á contención do orzamento: "nós sempre tivemos unha máxima na produción: non arruinarnos. Se non gañamos, tampouco perdemos".

A suma de tres

Urxa é a suma de tres curtametraxes xa escritas previamente: "O medallón de Urxa", "O arcón de Petro Xesto" e o "O ídolo de Mider". As dúas primeiras están ambientadas no rural galego (no caso de "O arcón", a partir dun relato de Carlos G. Reigosa) mentres que a terceira é unha interpretación libre do relato "O ídolo das Cícladas" de Julio Cortázar.

Os guionistas tentaron tecer un fío a partir da figura dunha bruxa, Urxa, que vai pasando o seu poder a través de xeracións de mulleres desde o pasado máis remoto. "A mitoloxía ten moitos parecidos en todas as culturas. Nós pasamos da mitoloxía grega á mitoloxía celta, e trouxemos estes temas á realidade galega", explica López Piñeiro, "Urxa simboliza o respecto á natureza, á terra, á contorna e á sabiduría popular. E amosa quen son os malos, os soberbios, os ambiciosos, os que o saben todo, os que erran e se trabucan". Urxa tamén se convirte nunha das primeiras ficcións galegas en botar man do patrimonio arqueolóxico do país como espazos de ficción. E velaí aparecen os petróglifos da Laxe dos Homes (Cequeril, Cuntis), o menhir A Lapa de Gargantáns (Moraña) e a Pedra da Arca (Baíñas, Vimianzo).

Unha rodaxe complexa

Os protagonistas desta historia coinciden en falar da estrema dificultade da rodaxe de Urxa. "A min píllame Urxa xa con máis de douscentos cincuenta traballos previos, algún deles curtas en 35mm como O pai de Migueliño de Miguel Castelo", afirma Xosé Xoán Cabanas Cao, quen traballaba desde principios dos anos 80 na primeira empresa audiovisual do país, Espello Video-Cine. "Tiña feitos desde anuncios publicitarios, gravacións de operacións cirúrxica, vídeo arte ata inauguracións de Fraga", lembra o produtor. "Pero visto coa perspectiva de hoxe, teño que dicir que facer este filme foi como se fixera tres longametraxes distintas ao mesmo tempo! Eu quería dar un salto cualitativo abordando o meu traballo, pero logo resultou ser tamén cuantitativo".

Desa experiencia Cabanas Cao sacou unha importante lección: "no audiovisual non podemos confundir a ilusión cos medios. A ilusión resolve moitas cousas pero ten os seus límites. En Urxa había unha enorme desproporción entre as necesidades dun guión que, ademáis, en dúas das súas tres partes eran de época, e os medios que había a posibilidade de utilizar". Cabanas Cao non reduce nada a perspectiva do momento. "O de rodar corenta días seguidos eu non o fixera nunca. Cunha organización mínima como dispuñamos iso representou unha historia tremebunda. Nin nos manuais de produción nin despois nun master de produción audiovisual da Unión Europea que realicei nunca me ensinaron a resolver os problemas que tiven con Urxa".

E en que consistiron eses problemas? En primeiro lugar, en Galicia apenas existían profesionais do cine. Así que había un gran desequilibrio entre os dous profesionais, o director de fotografía, Javier Serrano, e o foquista, que foran contratados en Madrid, co resto do equipo técnico, galego, que non estaba acostumado a estas longametraxes. "O choque entre estes dous profesionais e o resto do equipo foi tremendo", conta Xosé Xoán Cabanas Cao. "E iso que eu xa lles avisara que os estaba a chamar para unha aventura. Pero durante a rodaxe, eles dixeron: isto non é unha aventura, é un suicidio". Así que o equipo atopouse no medio da rodaxe con que os dous profesionais madrileños se plantaron e foi preciso convencelos para continuar. Non só iso. Aos vinte días de rodaxe o equipo viviu outro gran sobresalto. "Cando estabamos rodando na Coruña, nos estudos de Espello Video a parte de "O ídolo de Mider", tiven que xuntar ao equipo e dicirlles que non podían seguir traballando", explica Cabanas Cao. A Xunta aínda non ingresara o importe comprometido pola subvención e a película quedara sen efectivo. De aquela, no cine cobrábase cada semana. "Para facervos unha idea", segue Cao, "iso é como producir dúas veces a mesma película, porque tes que volver a cadrar o calendario de todo o mundo". Por fortuna, ao cabo dun mes a Xunta ingresou o resto do diñeiro e o filme puido ser rematado.

As rodaxes, algo novo no rural galego

A finais dos oitenta, a televisión e o cine en Galicia era sempre algo que acontecía fóra. O país aínda non estaba acostumado a ser retratado, sobre todo o seu rural. Así que a chegada dun equipo de vinte técnicos e un número variable de actores ás aldeas nas que foi gravada Urxa foi todo un acontecemento que ás veces levantou suspicacias.

"Estabamos rodando de noite e tiñamos postos os focos no campo, fóra da aldea, nunha carballeira", rememora Carlos López Piñeiro, "e alguén chamou á Garda civil, que se achegou ata alí a ver que pasaba. Nun momento, eu tiven gañas de mexar e separeime do grupo para ir facelo discretamente contra unha toxeira. E xusto estaba alí mexando cando da outra banda da toxeira se levanta alporizada unha parella da Garda civil, que se agachara alí para ver o que faciamos, preguntado que pasaba alí".

Rodar no rural supuxo toda unha serie de complicacións, e máis nunha película con tantas localizacións distintas como Urxa. Un dos principais era o subministro eléctrico. "En Madrid o normal era collerse un grupo electróxeno", comenta Xosé Xoán Cabanas, "pero co noso orzamento tivemos que contratar a un señor que levaba un grupo electróxeno polas feiras. Había que chantar o grupo non quinto pino polo ruído. Aínda que non tiñamos son ambiente, si había son de diferencia e tiñamos que entendernos. E imaxínate o que era levalo ata a Lapa de Gargantáns ou o mosteiro de Carboeiro de aquela".

O trato cos paisanos foi tamén fundamental, tanto para conseguir as localizacións como para incluílos como figurantes. "Eu ía contratando figurantes polas aldeas. E nalgún caso, se tiñan a casa preto, preguntáballes se tamén podían traer unhas galiñas", lembra Cabanas Cao entre risas, "entón un daqueles homes preguntoume que canto lle ía pagar por levar con el as galiñas. Así que tivemos que establecer un prezo por persoa e outro por animal". Con outro sucedeu unha historia traxicómica. "Contratei a outro home, e estivemos un tempo falando normal. Ata que lle dixen a que día e hora tiña que vir. E de súpeto o home comezou a xirar sobre si mesmo sen parar. Ao principio pensaba que era unha broma, peor logo entereime de que o home estaba doente, tiña problemas psicolóxicos por unha cuestión de adelgazamento. Ía camiñando e paraba bruscamente e comezaba a xirar varias veces e logo continuaba".

A xente sorprendíase da propia historia, que se estivera filmando unha historia do rural, ambientada nas súas casas, e de época. "Ao alugar unha casa que había no primeiro episodio, aos propietarios custáballes moito entender que é o que iamos facer, por que queriamos filmar aquelo". As casas alugadas, malia teren o chan de terra, eran aínda vivendas. O equipo tentaba ocupar o menor espazo posible para procurar non afectar á vida cotiá.

Mentres realizamos a entrevista, Xosé Xoán Cabanas Cao, no seu despacho, está a ver moito do atrezzo máis singular do filme Urxa. Por exemplo, está o caxato de Urxa. "Tiñamos un xa producido", di Xosé Xoán Cabanas Cao, "pero un día estabamos rodando e pasou un pastor cun rabaño de ovellas e un caxato magnífico. E Carlos López Piñeiro mercoullo. E así Urxa tiña no filme un caxato de verdade". Tamén está o sombreiro de emigrante de Pedro Xesto, os manlles para facer a malla ou o ídolo de Mider, que os arqueólogos, no filme, desenterran do interior do dolmen. "Fíxoo o meu colega ceramista e escultor José Luis Rivas en cerámica. Conservo todos, pero aquí no despacho teño o que saiu da terra, avellentado". Con este ídolo aconteceu unha historia curiosa. O seu modelo foron as esculturas de figuras oculadas que aparecen con frecuencia en xacementos prehistóricos do sur e centro da Península Ibérica, pero descoñecidos en Galicia. Ata o ano pasado, 2019, cando coincidindo cos trinta anos de estrea do filme, os arqueólogos atoparon na Pala das Cabras, en Casaio (Carballeda de Valdeorras) as primeiras representacións deste tipo en Galicia.

Unha ollada escéptica

Urxa estreouse en Cinegalicia, en 1989 e parecía que se asistía ao nacemento dun mundo novo. Dez anos despois, o Parlamento galego aprobaba por unanimidade a declaración do audiovisual como "sector estratéxico". Tanto López Piñeiro como Cabanas Cao están decepcionados co tránsito destes treinta anos, e co crecente apoio da administración aos proxectos audiovisuais que se sucederon nos noventa e nos primeiros anos da década dos dous mil. "Todo isto foi un fracaso absoluto, económico e cultural", asegura López Piñeiro, "impúxose un modelo de produtora que quería facer películas que parecesen españolas, non galegas. Ningunha delas tivo notoriedade, nin impacto en festivais de prestixo nin nas billeteiras".

Na mesma liña coincide Cabanas Cao: "Eu teño unha decepción grande. Sempre estiven en contra do tipo de coproducións que se fixeron despois, nas que viñan produtoras de Madrid aquí para captar os recursos da Xunta e da TVG e as produtoras galegas apenas participaban cun 25 por cento. E non había reciprocidade, non se daba o caso contrario, cunha produtora galega liderando". Estes veteranos do primeiro audiovisual galego defendían a necesidade de contar historias desde Galicia para o mundo, reflectindo o país e a súa cultura, algo que non apreciaron no boom audiovisual de finais dos 90 e no 2000. E o Novo Cinema Galego?, preguntámoslles. Os dous miran esperanzados a nova xeración de directores que representan figuras como Óliver Laxe. Pero Cabanas Cao despídese cunha frase lapidaria. "Neste país parece que estamos empezando sempre de cero".