Fotograma de Continental
En 1989 as circunstancias do contexto colocaban a Continental na irrevogable condición de clásico como unha das películas que marcaban o inicio profesional dunha cinematografía galega con industria propia e exhibición na nosa lingua apoiada polas políticas culturais autonómicas. Pero ademais diso pola súa concepción formal, estilística e conceptual o filme xurdía como unha representación das vangardas culturais, rompedor en varios aspectos, case condenado a certo nivel de incomprensión na expectativas dun cine popular e de masas. Era de xénero, pero era de autor; era galego, pero aparecía deslocalizado; era moderno, pero parecía antigo. Polo feito de exhibirse nese momento e lugar adquiriu xa a condición de clásico, pero dende a súa mesma intención, era vangarda. Hoxe seguimos a miralo cunha mestura de nostalxia e estrañeza, e quen de primeiras o ve non pode evitar a sorpresa porque, definitivamente, non é o que esperaba ver.
Apoio unicamente galego e grandes riscos A subvención para o filme daquela primeira liña de axudas ao audiovisual da Consellería de Cultura e deporte da Xunta de Galicia, ascendeu á 47 millóns de pesetas. Para Villaverde aquel foi un apoio completamente fundamental para o proxecto así como o da Televisión de Galicia, xa que a nivel público non contaron con ningunha axuda desde fóra de Galicia. nin do Ministerio de Cultura nin coa compra de dereitos por parte de TVE. Xavier Villaverde lembra nesas circunstancias un rexeitamento por parte da comisión ministerial encargada das axudas: "alguén na comisión ministerial que decidía as subvenciones previas ás películas e que rexeitou o proxecto dixo burlándose: ¿Pero estes niñatos que se cren, que van facer La ley de la calle?". O director lembra que a súa aposta estética vangardista tiña moitos detractores entre as cúpulas de decisión, "había xente moi conservadora no estético naquel momento tomando decisións á que seguramente lle irritaba que te saíras do previsible, tiveras pretensións, e máis se chegabas novo". Malia todo o proxecto puido levarse adiante grazas, ademais de á Xunta, ao risco asumido por Pancho Casal mesmo con préstamos persoais ademais de sobre a súa produtora que, lembra Villaverde, "de feito estivemos bastantes anos posteriores na produtora pagando débedas contraídas na película co noso traballo en publicidade". Segundo os datos do Ministerio de Cultura, Continental recadou, no seu paso por salas menos de trinta millóns de pesetas da época, chegando a algo máis de 100.000 espectadores. Veiga ten malas lembranzas ao falar do proceso de distribución, sobre todo da versión dobrada ao galego: "o guión foi escrito en galego e eu partía de que o filme ía ser proxectado na Galiza en lingua galega. Infelizmente, non foi así e só pasou en galego en tres cidades, onde, precisamente, houbo os mellores resultados na billeteira (se non me engana a memoria). Xa non falemos do que fixo UIP co filme no resto de España, i.e., enterralo, como acostumaba facer co cinema de produción local", asegura o guionista. Coa axuda ao guión de Veiga co que xa traballara antes en Veneno Puro, Villaverde prepara unha historia de xénero negro, entre o shakesperiano e o freudiano, moi acorde tamén cos seus traballos anteriores e coas súas influenzas, na que a forma de presentar a historia era tan importante como a historia en si mesma. Xavier Villaverde lembra que cando tivo a primeira reunión con Wolfgang Burmann, o director de arte da película, fundamental no resultado final, "leveille catro películas para que os decorados e localizacións puideran inspirarse nalgunhas dás súas claves estéticas: The Docks of New York ,1928 (Joseph Von Stemberg), Blade Runner, 1982 (Riddley Scott), Rumble Fish, 1983 (Francis Ford Coppola) e Cotton Club, 1984 (Francis Ford Coppola". Tres delas película feitas na mesma década e hoxe tamén consideradas obras mestras. Para Veiga o traballo feito por Wolfgang Burmann foi excelente, "na miña opinión, foi o colaborador que mellor entendeu a proposta", asegura. A revisitación do xénero negro forzando a estética Dous xefes de clan, Otálora (Eusebio Poncela) e Ventura (Féodor Atkine), antigos subalternos doutro gran xefe traizoado por eles, Gonçalves (Fernando Guillén), enfrontábanse agora entre si. Unha cidade portuaria sen nome ou localización xeográfica recoñecible, nun tempo acaso semellante aos anos 50 acolle o desenvolvemento dunha traxedia condenada á repetición na que os personaxes principais deambulan sen esperanza como ratas atrapadas nun labirinto e todo aquel que intenta cambialo ou deixalo ve os seus intentos abocados ao fracaso. "Deu moito xogo unha idea: o crime de irmáns coligados que Otálora e Ventura cometeran contra Gonçalves, o vello capo dunha idade de ouro en larga parte mítica, como todas. Isto soa un pouco freudiano e éo, como era moita da materia que manexaba o noir. É un aproveitamento moi libre de Tótem e Tabú de Freud. A inhibición característica de Otálora e Ventura ten razón con esa incapacidade de dixerir o asasinato de Gonçalves, pois o crime tramou entre eles un abrazo mortal e o propio vínculo, digamos, fraterno, por moi forte, entra nunha espiral de violencia e autodestrución que xa non cesa e onde o amor non encontra espazo para se manifestar ou para iluminar o mundo", asegura Raúl Veiga. "Decidimos partir dun esquema de xénero, o noir, mais subverténdoo. Cando me preguntaban, eu dicía, para simplificar, que iamos facer o spaghetti-thriller, en alusión ao que Leone fixera co western. A idea era prescindir da oposición lei/transgresión ou policía/bandidos para construír unha épica crepuscular onde dúas figuras tráxicas reinan e se enfrontan nunha loita por un imperio de ruínas. Con posterioridade, apareceron filmes polo mundo fóra que desenvolveron propostas similares, mais na altura aquilo era bastante audaz", lembra Veiga sobre o momento da concepción.XAVIER VILLAVERDE: "ALGUÉN NA COMISIÓN MINISTERIAL QUE DECIDÍA AS SUBVENCIONES PREVIAS ÁS PELÍCULAS E QUE REXEITOU O PROXECTO DIXO BURLÁNDOSE: ¿PERO ESTES NIÑATOS QUE SE CREN, QUE VAN FACER LA LEY DE LA CALLE?"

Villaverde lembra ese desembarco na difícil rodaxe no agosto madrileño cun elenco tan destacado co que traballar e que lle impuña respecto a un director que non alcanzaba nin os trinta anos: "nunha primeira película un dos traballos máis difíciles para un director é aprender a comunicarse cos seus actores e a min me impresionaban un pouco todos aqueles actores tan famosos, moitos deles mitos persoais que, ante a miña sorpresa aceptaban encantados traballar conmigo", di o realizador. "Creo que todos estaban algo fascinados con aquela historia tan marciana na que estaban metidos con aquel director tan novo e con plantexamentos estéticos tan peculiares", reflexiona Villaverde sobre aquela experiencia. Continental foi tamén unha plataforma para moitos actores e actrices galegas que particpaban por vez primeira nunha longametraxe, fose con papeis pequenos ou xa con liñas de diálogo. Así podemos ver por exemplo a Antonio Durán "Morris" como barman, Gonzalo Uriarte, Marisa Soto... Hoxe en día Villaverde o único que lamenta e cambiaría da película sería terlles dado a eles papeis máis protagonistas , "aínda gustándome o traballo dos protagonistas" o director lamenta fondamente non ter apostado máis polos actores galegos neses papeis. Para Xavier eles "eran o soporte emocional que apoiaba e loitaba día a día a favor da película". O director lembra que esa actitude colaborativa demostraba que para eles aquela produción non era só un traballo máis, conscientes sen dúbida da importancia do momento, para eles "era algo máis, non era so un traballo" e pon o acento na súa importancia para levar a cabo a produción ,"sen eles non tivéramos aguantado, eran unha comunidade emocional cálida, marabillosa e afectiva á que eu sentía moi cerca". No mesmo sentido se pronuncia o guionista Raul Veiga á hora de falar da equipa galega. "O ambiente dos galegos en Madrid era magnífico, talvez porque -di Veiga- eramos todos moito máis novos e estabamos nacendo ao cinema en sentido forte", explica o guionista, que ademais ten unha imaxe clara ao pensar nesa rodaxe sobre a falecida Marisa Soto a que ve claramente "a lle dicir a unha colega, entre risadas: "Repara, muller, dez metros de pantalla!". No ton de humorística intelixencia que lle era tan propio, Marisa estaba a ilustrar perfectamente as diferenzas entre a interpretación teatral e a cinematográfica". Olladas con perspectiva Con trinta anos polo medio entre a presentación desas primeiras producións galegas e o momento actual no que unha película independentes de co-produción galega e en galego como O que arde de Oliver Laxe marca novos fitos en canto a recoñecemento, premios e espectadores, a prespectiva precisa que aínda se tardou moito despois daquelas apostas tan fortes por unha cinematografía propia. Para Raul Veiga tras daquilo "se perdeu a oportunidade de consolidar unha industria audiovisual galega, i.e, un complexo que funciona regularmente, porque coloca os seus produtos nos mercados e permite vivir do seu traballo a profesionais moi capacitados." Para el as causas son moi variadas e os responsables tamén son moitos incluíndo aos propios produtores alén das instancias públicas. Para Villaverde pola súa banda é preciso un apoio de políticas máis contundentes e ve no percorrido feito dende entón polo audiovisual galego "unha loita de resistencia, de técnicos, actores, como a de calquera cinematografía pequena que non conta con grandes medios". Á hora de poñerse de novo a ver o filme Continental tanto Veiga como Villaverde non amosan desconfianza respecto aos espectadores novos dos que esperan que teñan olladas frescas, deprexuizadas e ata máis perceptivas que os de 1989. "Hoxe o filme pode ser mellor comprendido, porque xa houbo outros que navegaron terreos parecidos e afixeron os espectadores a este tipo de propostas. O espectador actual é unha curiosísima mestura de perspicacia (leva recibidas moitas máis mensaxes audiovisuais que os espectadores de 1989) e cegueira (non ten a memoria audiovisual nin cultural viva naquela altura de que naceu Continental e le os filmes desde esa desmemoria), mais eu creo que está libre de moitos prexuízos que mancharon a recepción do filme en 1989", confirma Veiga. Mentres que Villaverde quere pensar que pode ser vista hoxe desde un ollar "fresco, curioso e aberto".VILLAVERDE: "OS ACTORES E ACTRICES GALEGOS ERAN O SOPORTE EMOCIONAL QUE APOIABA E LOITABA DÍA A DÍA A FAVOR DA PELÍCULA"



