"Sempre Xonxa foi a primeira longametraxe escrita, dirixida e interpretada en galego. Mesmo falabamos o galego da zona da Rúa, porque Chano quería reflectir a autenticidade dunha historia que tiña unha paisaxe visual e sonora única", lembra Uxía Blanco, que interpretou a Xonxa na produción.
A estrea
O 25 de novembro de 1989 o Teatro Cine Fraga de Vigo acollía a estrea de Sempre Xonxa no marco do programa Cinegalicia. Este evento, nado con vontade de ser o grande festival de cinema do país, aínda que logo ficou nunha soa edición, serviu como presentación dos tres filmes pioneiros que marcaron o desenvolvemento do audiovisual galego. Canda á produción de Chano Piñeiro, Continental e Urxa evidenciaban por vez primeira a posibilidade de facer cinema en Galicia e na nosa lingua. Miguel Anxo Fernández coordinou esta iniciativa que "quería pór en valor as tres primeiras longas de ficción en galego feitas en formato estándar e listas para se estrear en pantalla grande", explica. "Lembro a Chano subido enriba do escenario con todo o equipo, unhas vinte ou trinta persoas no día da estrea", explica. "A proxección puxo en pé a un público entusiasmado que aplaudiu quince minutos de reloxo", rememora a protagonista da fita, Uxía Blanco. "Logo veu a estrea comercial, xa a comezos de 1990, e a película de Chano coincidía nas carteleiras con Nacido el cuatro de Julio, de Oliver Stone e con Tom Cruise, e mais con Indiana Jones y la última cruzada de Steven Spielberg. E a un nivel simbólico, que non real, aquilo era o cinema galego a competir en igualdade de condicións co americano", explica Fernández.
O punto de partida
A aposta por crear unha longametraxe profesional en galego nun momento no que ninguén conseguira un logro semellante veu neste caso da enorme vontade e do namoramento que Chano Piñeiro tiña polo cinema. "Desde moi neno sempre lle gustou, e a medida que foi medrando tivo unha obsesión pola imaxe e o audiovisual. Naquel momento non existía o audiovisual en Galicia, e el quería facer cine e amosarlle ao mundo o que era a imaxe, estaba convencido que coa imaxe se podían dicir moitas cousas", lembra Mariluz Montes Quireza, colaboradora e viúva do director. "A partir de que eu lle regalei unha cámara doméstica cando casamos comezou a rodar as súas primeiras curtas cunha serie de amigos, sen teren coñecemento, nin medios técnicos nin cartos, pero con moita vontade de dicir cousas. Logo viñeron proxectos como Esperanza, unha curta sobre as adicións que me parece moi importante e hoxe non se lembra moito. Mamasunción foi un fito que estivo por todo o mundo. Houbo proxeccións en Polonia, Francia, Estados Unidos, Cuba, Marrocos ou Alemaña e levou premios en moitos festivais. E despois Chano xa non podía parar". Segundo sinala, "a imaxe para el era fundamental e moitas veces dixo que o país que non apostase polo audiovisual estaba condenado a desaparecer. E el apostou polo cinema galego, dicía que era posible e nunca se rendeu. Vía o cinema galego como posible e o cinema en galego como necesario. E isto era surrealista escoitalo entón, pero o tempo deulle a razón".
A escrita
Na base da longametraxe atopábase a coidadosa escrita dun guión que o autor iniciou xa en 1986. O proceso foi demorado e deu en múltiples versións da historia que Piñeiro deixaba repousar durante meses. Malia aos diferentes xeitos de o narrar, hai coincidencia en que o director tiña claro o proxecto desde o primeiro momento. Miguel Anxo Fernández foi un dos lectores aos que Chano enviaba as diferentes versións do proxecto para as ler e darlle a súa opinión. "Cando comezou o primeiro, co nome de traballo de Birutas penso que a historia xa se correspondía co que ao final saíu", explica. "Nas últimas versións xa non había cambios de importancia, se acaso notas sobre a localización da cámara para unha escena ou cousas que non deixan de ser anecdóticas". Montes Quireza pola súa banda concorda en que "tiña moi claro o que quería facer. Houbo reformas como en calquera proxecto. Ía mudando o que tiña que mudar e comentabamos constantemente, eu dáballe o meu parecer e falabamos moito sobre os seus proxectos". Para alén do traballo desenvolvido en Vigo, onde residía o director, o proceso tivo unha fase que se desenvolveu na propia aldea de Santoalla, na que se ambientaría o filme.
Trasdomonte
"Cando Chano coñeceu esta localidade de Petín, namorou dela", lembra Fernández sobre o lugar sería Trasdomonte na pantalla. A este espazo, pouco preparado para acoller unha rodaxe destas características, sumáronse localizacións no Courel ou nas Médulas que supuxeron auténticos desafíos loxísticos. "Houbo que facer na aldea unha serie de intervencións porque había casas algo derruídas e houbo que modificar cousas", sinala Fernández a apuntar algunhas das complicacións que se atoparon no lugar. Tamén Uxía Blanco lembra que o director "namorado da paisaxe cambiante nas distintas estacións, quería recollelas todas. Foi vivir á aldea uns meses para reescribir o guión. E alí contoume que coñeceu un personaxe incrible. Viuno entrar nunha cafetería e exclamou: `Este é o meu Caladiño!´". Tratábase de Roberto Casteleiro, "un profesor de FP cunha imaxe case igual ao Caladiño que se ve no filme", explica quen encarnou a Xonxa. "Tamén alí escoitou falar dun tolo inventor que tiña unha forxa. Leváronno a velo e esas historias axudáronlle a configurar o personaxe". Fronte aos problemas do traballo nunha zona de montaña, a produción contou cun importante apoio da poboación local. Segundo lembra Blanco, "os habitantes da zona participaron como extras e cederon as súas casas para rodarmos interiores naturais. Unha semana antes da rodaxe Chano reuniunos aos intérpretes na aldea para que nos relacionásemos cos veciños e aprendésemos os seus modismos, mesmo os actores non galegos tiveron que aprender os seus textos na nosa lingua". De xeito máis concreto, sinala que "foi fundamental para min coñecer unha señora moi maior que fora parteira e me explicou como parían as mulleres agarradas aos barrotes da cama, que foi algo que recreamos".
Unha rodaxe complexa
O paso do formato curta, no que o director xa acumulara certa experiencia, a toda unha longametraxe profesional, supuña xa por si mesmo unha dificultade importante. Segundo recoñece Blanco "Tivo que abrir camiños. Non había escolas de Imaxe e Son, carecíamos de técnicos formados na terra e mesmo de aparellos: cámaras de cinema, laboratorios de revelado, son directo...". Desde o principio, no entanto, Piñeiro tiña clara a necesidade de contar con profesionais do país para unha produción na nosa lingua. Segundo lembra Mariluz Montes, "el apostou por xente de Galicia e por actores galegos, aínda que os técnicos tiñan que vir de Madrid". Á falta de táboas no ámbito cinematográfico de boa parte do equipo sumáronse as dificultades propias do lugar onde se desenvolveu a produción. As propias características da rodaxe, con moitas escenas en exterior e nunha zona de montaña de meteoroloxía cambiante, dificultaron aínda máis o proceso de creación. "Supuña un desafío importante. Rodar en Valdeorras, en catro estacións diferentes, con moitas escenas naturais e sen un orzamento fechado era moi complicado. Hoxe ningún produtor se mete a facer algo coma iso sen ter unha boa cobertura económica", lembra Fernández. Tan complexa era esta fase da produción que mesmo se interrompeu en diferentes ocasións, principalmente por problemas económicos pero tamén por mor da meteoroloxía e outros imprevistos, e a previsión dun ano de filmación alongouse uns seis meses máis.
"Para o desafío que era facer filmes en galego e en Galicia as dificultades eran todas. Hoxe un proxecto como Sempre Xonxa sería inviable. O guión tería que ser outro, o modelo de produción sería imposible e custaría moito máis. Teriamos a vantaxe de contarmos con persoal técnico, hoxe hai escolas e facultades que crean profesionais cada vez máis cualificados e non habería a necesidade de recorrer a un equipo de Madrid", apunta Fernández. "Poida que tamén Chano pecase de inexperiencia no proxecto. Ata entón a súa traxectoria era unha serie de curtas en Super 8 e logo Mamasunción e Esperanza xa en 35 milímetros. Pero non é o mesmo a produción de curtas que de longametraxes. Logo puido pesar a necesidade de repetir tomas, que é algo que tamén alonga moito a postprodución, ou as dietas e os honorarios do equipo que viña de Madrid".
Os problemas do financiamento
"Comezamos a rodaxe en outono-inverno, na parte que no filme que corresponde ao final, cando os personaxes son maiores. Unha vez rematada esa parte, cadaquén marchou á súa casa. Completaramos uns vinte minutos do filme e xa quedaramos sen orzamento", explica Uxía Blanco. "As dificultades foron terribles e nalgún momento chegaron a ser preocupantes para o desenvolvemento do proxecto. Denegáronlle ata tres veces a subvención e era moi complicado. Pero seguiu loitando. Chano sempre seguía para adiante sen se render", lembra Mariluz Montes daquela época. Deste xeito, a cuestión económica apareceu como a principal pexa para completar o filme. Aínda que o director accedera a diferentes subvencións e premios cos seus anteriores traballos, reunir os fondos para se pór en marcha supuxo todo un desafío. Segundo lembra Fernández, "había un problema engadido que era ter que rodar durante máis dun ano. Isto obrigaba a se presentar a dúas convocatorias" de axudas. A isto sumouse a negativa doa Dirección Xeral de Cinematografía do Ministerio de achegar fondos ao proxecto, unha situación que o director denunciou repetidamente nos medios de comunicación. "Cando falabamos por teléfono durante a rodaxe moitas veces dicía que estaban a agardar, e que a cousa non ía adiante fundamentalmente polos cartos", lembra a viúva do director, que permaneceu en Vigo a atender a farmacia do matrimonio neste período.
Unha chamada de atención
Como resultado destas limitacións, segundo explica Fernández, "cando tiña a película case pola metade acabáronselle os cartos. Entón organizou un pase privado do material que tiña filmado, aínda sen sonorizar, nas antigas salas Valle-Inclán de Compostela. Alí convidou a políticos e xente que estaba na dinamización audiovisual, como eu mesmo". "Fixo unha montaxe daqueles minutos e como a película carecía de son en directo, o propio Chano ía recitando os textos de cada intérprete", completa Blanco. Segundo lembra Mariluz Montes, "levoulles o copión do filme para que o visen e despois díxolles `xa vedes o que temos, agora se tedes collóns apostade pola película´". Naqueles momentos "non sabía como facer, podo dicir que acabamos por empeñar a farmacia e todos os nosos cartos para ir tirando" co proxecto. "Ao final os xestores, entre unhas conversas e outras, asumiron que había que seguir e Chano conseguiu novas axudas. Ademais tamén sacou bonos e acadou apoios de empresarios amigos. Tamén entrou a TVG que mercou o negativo e se fixo con todos os dereitos. Chano acabou por vender todo o filme para poder rematalo", explica Fernández.
O filme que Chano Piñeiro Quería
Malia ás dificultades, "Chano non desfaleceu nunca. Eu cría firmemente que íamos acabar o filme, e aínda que os técnicos madrileños non daban un peso pola súa continuidade, cando Chano os chamou de volta para retomar a rodaxe, viñeron todos entusiasmados", lembra Uxía Blanco. "Establecérase con todo o equipo unha relación familiar, moi agarimosa. E teño que afirmar que a pesares de todos estes problemas, non se modificou o guión". Tamén Mariluz Montes como Miguel Anxo Fernández coinciden en sinalar que o produto final coincide co que Piñeiro tiña en mente. "Penso que era a película que quería facer. Outra cousa é se as súas capacidades estaba á altura, temos que lembrar que Chano era autodidacta, non tiña formación regrada no audiovisual e iso déixache en grande medida en mans dos técnicos e do equipo", explica este último.
Éxito en salas
"Naquel momento non había ningunha experiencia neste sentido. Non había cartos para a promoción da película", lembra Uxía Blanco. Houbo que agardar trinta anos exactos da estrea para que un filme desbancase a Sempre Xonxa como a produción en galego máis vista en salas do cinema. O que arde de Óliver Laxe superaba, este novembro de 2019, as 62.203 persoas que foran ver a produción pioneira de Chano Piñeiro. Outras fontes como o investigador Xoán Acuña elevan a cifra de espectadores deste filme pioneiro por riba dos 100.000, o que lle permitiría reter a marca do máis visto na nosa lingua. Naquel momento "era a peli galega que lle gañaba en taquilla ás grandes producións americanas", lembra Blanco. "Os universitarios traían os seus pais aos cines desde as aldeas e dicíanlles `esta vaivos gustar´, e os institutos e os colexios levaban o alumado a vela". Naquel éxito tivo moito a ver unha distribución cinematográfica moi diferente e moito menos concentrada do que a actual. "Naquel momento os tres filmes de Cinegalicia conseguiron distribución. Para Sempre Xonxa foi Esteban Alenda, que tiña como axente en Galicia a Emilio Baños. Baños coñecía moi ben o mercado galego e conseguiu que todas as localidades galegas con cinema tivesen o filme. Penso que houbera un problema en Tui co exhibidor local, pero debeu ser a única que non o tivo en cartel", explica Fernández.
Críticas e festivais
Se ben algunhas das críticas ao filme de Piñeiro apuntaron certos riscos que denotaban a falta de experiencia do director, en xeral houbo unha acollida favorable para o proxecto. As estreas de Cinegalicia "son filmes que o pasarían mal nunha análise crítica realizada neste momento. Pero eu considero que hai que os analizar no contexto en que se producen" recoñece o crítico de cine. A comparar cos seus coetáneos, Fernández apunta que "os tres filmes son moi diferentes, con directores moi distintos e xeitos de produción diferenciados. Xonxa e Urxa están máis metidos na cultura tradicional, e Continental era máis vangardista, tamén no narrativo". En todo caso, apunta, "a sociedade implicouse e aplaudiunos moito". Segundo lembra Mariluz Montes, o director "quedou moi contento co éxito da película. Aínda que as condicións de distribución non eran as mellores, o filme chegou a moitas partes e mesmo se puido ver en Madrid". Para alén do percorrido en salas, a produción tivo un intenso percurso polo circuíto de festivais internacionais. Segundo enumera Blanco, Montreal, A Habana, os encontros cinematográficos de Cannes, os festivais de Sidney e Melbourne, o de Portland, o de Queenland, o de Chicago e mostras de países como Arxentina, Brasil, Venezuela, Italia ou Uruguay proxectaron o film. "Aínda anos despois, a asistir eu como xurado a algún festival atopaba profesorado universitario de Canadá ou de Arxentina que me recoñecía do filme porque o empregaba en clases de etnografía", lembra Blanco.
A pegada social
Para alén dos números, non cabe dúbida que Xonxa supuxo todo un fito cultural e que deixou a súa pegada na memoria da sociedade galega. "No imaxinario colectivo foi a que máis callou das tres" recoñece Fernández. "En parte porque Chano levaba desde aproximadamente 1987 nos medios de comunicación a falar da película e vendela, no bo sentido". Canda a isto, para este investigador parte do éxito está en que "é un filme para todos os públicos. Moveuse moito en escolas e centros de ensino, estivo nas salas comerciais e espertou moita curiosidade", explica como outras claves desta permanencia na memoria. "Foi un fenómeno similar ao que está a se dar con O que arde, pero con décadas de diferenza", completa. Na mesma liña, Uxía Blanco revela que a día de hoxe continúa a ser solicitada para acompañar a proxección do filme en centros de ensino. "Séguena a por en facultades, centros de imaxe e son ou institutos. Parece mentira, pero penso que fala de valores universais como son a amizade, a paixón o amor ou a traizón. Logo todo está narrado cunha autenticidade que ten moito que ver cunha paisaxe que é real e, por suposto, polo uso do idioma propio, que me parece fundamental". Nese sentido apunta a conexión co traballo de Óliver Laxe na actualidade. "Entendo moi ben o seu cinema, que ten moito que ver co de Piñeiro, penso que un filme como O que arde busca a autenticidade na paisaxe, nos personaxes e mais na lingua".
O impacto no audiovisual
Do mesmo xeito, a pegada do filme mantense no noso sector audiovisual. Segundo Fernández, "directores e directoras novas que a ven hoxe non deixan de ter certo sorriso de condescendencia ao detectar problemas técnicos e narrativos", algo "normal en todos os filmes, que envecellen mellor ou peor". No entanto "a pegada máis importante que deixou foi que a sociedade comezou a entender que había un cinema galego. E de aí veu todo despois. Xa non facía falla explicar o que se pretendía á hora de facer un filme nin demostrar que podía haber un filme galego na mesma pantalla onde saía Harrison Ford ou calquera outro". Mariluz Montes recoñece que "el estaría encantado de ver que hoxe a xente estuda cinema e que temos grandes directores e directoras, actores e actrices e todo tipo de profesionais que se dedican a isto. Faríalle moita ilusión". A amosar a pegada do proxecto, este mesmo outono de 2019 o Festival de Cinema de Ourense lle dedicou unha exposición ao filme, no que se recollían elementos de atrezzo e documentos vencellados á produción. "Emocionoume moitísimo, vías os personaxes a tamaño real, había tamén pintura, libros, artigos da época. Paréceme unha mágoa que non se poida ver en máis sitios", explica a viúva do director.
O contexto e a lingua
As crónicas da época cifran en 164 millóns de pesetas o orzamento con que contara o filme de Chano Piñeiro, dos cales 72 foran achegadas pola Consellaría de Cultura. Este apoio público, malia aos problemas sinalados, era para Miguel Anxo Fernández parte dunha visión clara dos responsables políticos da época. "No momento tivo axuda das institucións nunha senda que logo se mantería. Os concellos galegos e a Xunta tiñan claro que había que apoiar o cinema galego, non só como expresión dunha cultura senón tamén como un sector que xeraba postos de traballo e que promovía a lingua". Naquel momento, segundo lembra, "había unhas circunstancias afortunadas. O goberno tripartito da Xunta posuía certa sensibilidade sobre a cuestión e tiña asumido que cumpría potenciar a produción audiovisual. Isto xa comezara co goberno anterior de Albor, cando se convocaran as primeiras axudas para curtametraxes con Luís Álvarez Pousa como responsable de Cultura. Isto continuou e convocáronse as primeiras axudas para longametraxes. Ademais, a TVG xa levaba uns anos a funcionar e había un pequeno tecido industrial".
"Chano tiña moi claro que o cinema galego perde a súa condición se non está en galego. A lingua para el era fundamental e eu tamén o penso", lembra Miguel Anxo Fernández. Hoxe moito do audiovisual que se fai aquí non se fai en galego, e entendo que se procuren mercados fóra, pero hoxe coas lendas pódese facer perfectamente". Tamén a incide no coidado do director coa lingua Uxía Blanco, quen sinala que "houbo moito debate, que eu nunca entendín sobre se os filmes en galego tiñan que estar en galego. Tivemos moito complexo con empregar o noso idioma no audiovisual, e debemos darnos conta que en Cataluña, que comezaron nos anos 80 facendo filmes moito peores que os nosos, chegaron a ter un na súa lingua a representar a España nos Óscar. O complexo ou o orgullo que se ten do propio ten moito que ver con iso".