O audiovisual está afectado con perdas económicas de máis de 3 millóns de euros arestora

A Asociación Galega de Produtoras Independentes alerta da situación de 20 proxectos

A Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi) fixo un balance para valorar o impacto da crise do Covid-19. Polo momento, segundo eles, as perdas están estimadas en máis de 3 millóns de euros que afectan a un total de 20 proxectos en marcha. A maioría son longametraxes de ficción, pero tamén hai documentais, curtametraxes e series. O sector audiovisual galego independente ve con preocupación a supervivencia dalgúns dos seus proxectos para este 2020, que xa acumulan un 16% de media en perdas.

As rodaxes son os máis impactadas, paralizáronse na súa totalidade e moitas tiveron que pospoñer as súas datas de inicio. A suspensión dos festivais interrompe a exhibición e distribución de películas que xa contaban con seleccións e confirmacións de estrea. A chegada ás salas comerciais tamén se viu truncada, é o caso de Lúa Vermella de Lois Patiño, A illa das mentiras dirixida por Paula Cons e distribuída por Filmax. Casos como María Soliña dirixida por Ignacio Vilar observan con preocupación este escenario que sitúa na corda frouxa a data de estrea prevista. Títulos que xa estaban na carteleira cunha gran acollida de público, como O que arde ou Eroski paraíso viron interrompida a súa actividade en salas de maneira abrupta. Ademais, o financiamento en moitos casos viuse conxelado á espera de que se resolva esta difícil situación, aseguran en AGAPI. Desde a Asociación solicitan medidas económicas consensuadas coas Administracións que axuden a paliar esta difícil situación, entendendo as prioridades sanitarias que teñen agora os Gobernos.