Carreiras independentes

Revisamos os proxectos que están a desenvolver as novas figuras do audiovisual

Imaxe de <i>Manuscritos pompeianos</i> de Marcos Nine
Imaxe de Manuscritos pompeianos de Marcos Nine
Nos últimos anos o audiovisual galego deu á luz varias producións de baixo orzamento e apostas creativas que acadaron un grande impacto en medios especializados. Proxectos independentes, de autor e que se desenvolven en boa medida por amor ao cinema dos seus creadores. A seguir nesta liña ou achegándose a produtoras convencionais, moitos dos nomes que se insiren nesta tendencia ultiman novos proxectos.

A súa carreira no audiovisual contou para despegar co apoio das axudas da administración pública. Desenvolveron iniciativas anovadoras, de baixo custo e centradas, maiormente no xénero documental, e conseguiron un destacado impacto de crítica. Agora, moitos destes creadores inician novos proxectos que chegarán proximamente ás nosas pantallas, cunha grande presenza do documentais.

Experimentación
A seguir a súa carreira, Marcos Nine prepara para este ano o seu debut na longametraxe con La brecha. Continuando ata certo punto a súa aposta polo documental, o director introdúcese agora na experimentación cun filme “que non segue un argumento. É un pouco inclasificable”, explica. “Parte dunha situación moi concreta, que é o feito de que cando levas moitos anos nun traballo creativo acabas adoptando un método, e iso dache a sensación de que estás a facer sempre o mesmo. A película constrúese tentando que eu non teña o control do filme, voume pondo trabas ao longo da mesma para non a controlar”. O proxecto aproveita o traballo do deseñador arxentino Rodrigo Losada, que realizaba pequenos colaxes en diapositivas que só chegaba a saber como eran ata que se proxectaban. “Eu emprego esa técnica sobre filmes de dezaseis e de oito milímetros. Fun filmando cousas, e mercamos material que eu ía modificando con diferentes técnicas de xeito que non se sabe exactamente o que sae ata o final”.

Paisaxe
Lois Patiño, pola súa banda, recunca no xénero documental logo de traballos como Lembrando os rostros da morte. “Trátase dunha longametraxe documental na Costa da Morte, relacionada coa paisaxe e os traballos que se desenvolven no contorno natural”, explica. “Interésame o diálogo que se establece entre a persoa e o contorno durante ese traballo e como as paisaxes se van cargando de significados”. O proxecto, aínda sen título, aposta por unha construción fragmentaria, saltando de personaxes e de situacións. Segundo o director, mantén determinados recursos de anteriores traballos. “O tema da paisaxe xa o abordei en varios dos meus últimos traballos, e a nivel formal están relacionados, emprego planos amplos e fixo e afastados das persoas, que se ven sempre incluídas na paisaxe e vencelladas a el, de xeito inseparable. Agora traballo tamén cos diálogos mentres nos proxectos anteriores centrábanse máis na percepción da paisaxe e na construción pola ollada. Aquí buscamos unha relacion máis íntima e unha identificación da voz como voz da paisaxe”.

Convivencia
A continuar a liña que iniciou con Tralas luces Sandra Sánchez está inmersa tamén nunha nova proposta. “Trátase dunha longametraxe documental na que parto da convivencia longa cunha pequena comunidade co fin de a retratar”. Co título de Matavenero, o proxecto está en fase de desenvolvemento e sae da man de Tic Tac Producións. Pola súa banda, logo do seu Vikingland, Xurxo Chirro continuará este ano a mover a súa cinta sobre mariñeiros en Dinamarca por festivais, pero adianta de que cara ao verán pretende iniciar a gravación dun novo proxecto.

Tecnoloxías
Nine apunta que a democratización de medios de gravación facilita o acceso ao traballo audiovisual. “Desde que existe Internet, hai ordenadores en todas as casas e os teléfonos teñen cámaras, non podería estar mellor nese sentido noutro tempo. Agora, que a xente teña oportunidades de se incorporar a un sistema industrial si que está máis difícil. Hai máis xente, e coa aparición da TDT multiplícanse as plataformas e cómpren máis contidos, pero os recursos son máis precarios para ter que producir máis. Hai moitas menos opcións da que tiven eu para me pór a traballar, eu saín nunha época moi boa.
De xeito semellante, tamén Sandra Sánchez salienta as posibilidades das novas tecnoloxías. “Permiten moitas posibilidades para producir e distribuír dun xeito alternativo, e iso é moi positivo, pero non se lle pode pedir aos novos creadores que traballen en precario toda a vida”.

Efectos da crise
A ese respecto Sánchez apunta os efectos da crise no sector. “Os proxectos non son sinxelos de financiar, non hai cartos nin a suficiente vontade por parte das administracións para impulsar a creación nin o sector en xeral”. Patiño coincide en sinalar que “pódese intuir unha mudanza para peor. En Galicia hai un ambiente moi receptivo a traballos que buscan novas liñas expresivas da linguaxe audiovisual, e están moi atentos aos traballos de novos creadores”. Espazos como o CGAI ou Cineuropa son, ao ver deste director son fundamentais na consolidación dunha escena deste tipo. “O que pode frear de golpe todas as oportunidades para nós é a retirada as axudas chamadas ``á promoción do talento galego´´ de AGADIC. Cun orzamento mínimo deron un resultados máximos, permitiron descubrir e despegar a cineastas excepcionais que doutro xeito o terían moito máis difícil. Esta é a única axuda económica real que existe para os novos creadores, se se elimina non existirá ningunha”. Nine, pola súa banda, conclúe que “non se pode deixar que iso o free a un, agora hai moitos máis medios para facer cousas por conta propia”.