Problemas e aprendizaxes da pandemia no audiovisual

Repasamos a situación das produtoras independentes a partir do novo volume de entrevistas da Agapi

A Asociación Galega de Produtoras Independentes presentaba en liña este 27 de maio o volume Conversas abertas. Estudo cualitativo de produtoras audiovisuais galegas. Con este traballo a entidade "recolle a valoración e impacto que supuxo a pandemia nas produtoras galegas e unha pequena reflexión sobre o futuro do audiovisual". No mesmo, responsables de vinte e seis empresas do sector adiantan os proxectos nos que están a traballar e detallan os efectos, tanto positivos como negativos, que a situación sanitaria trouxo sobre o seu traballo. Repasamos estes impactos da man das súas declaracións.


O proxecto recolle declaracións de once produtoras do Concello de Santiago, entidade que colabora no proxecto, tres dos arredores e doce doutras localidades. "Este estudo permite achegar coñecemento de forma directa, dando voz aos produtores para falar do presente e futuro audiovisual", explica a Agapi. A asociación, xa en marzo de 2020 estimou as perdas pola pandemia "en máis de 3 millóns de euros, afectando un total de 20 proxectos en marcha. A maioría longametraxes de ficción, pero tamén documentais, curtametraxes e series". As paralizacións e atrasos en rodaxes, estreas, festivais e diferentes procesos da produción e postprodución destas obras tiveron un impacto nas firmas do sector que agora se pode coñecer máis polo miúdo nas propias palabras das persoas responsables das mesmas.

Novos xeitos de traballo
Un dos efectos que mais se repiten nas entrevistas é a adopción de novos sistemas de traballo a distancia. En Ollovivo Gaspar Boullón recoñece que "o confinamento demostrou que hai cousas que se poden resolver cunha chamada de Skype e isto é algo que moita xente non pensaba antes". "Daste conta de que é un pouco absurdo coller un tren de Coruña a Madrid para unha reunión dunha hora", concorda Ruth Chao, de Somadorme. No entanto, a adaptación non sempre foi sinxela. "O do teletraballo con nenos foi moi complicado, é moi difícil poder combinar traballo e maternidade nun mesmo espazo", apunta Paula Cons desde Agalla Films. Desa adaptación fala tamén Mercedes García-Nieto en M Internacional "agora estás nunha reunión e quizais poida entrar o teu fillo un momento, pero esa cotidianidade do día a día non quita seriedade á reunión, porque todo o mundo empatiza moito máis"

Unha pausa no ritmo de traballo
Varias produtoras destacaron nas súas declaracións que as obrigadas pausas e demoras lle permitiron reflexionar e traballar con máis vagar e distancia sobre os seus proxectos, o que leva implícita unha reflexión sobre os ritmos de traballo do sector. Sonia Méndez e Nati Juncal en Cósmica Producións apuntan do seu proxecto A poeta analfabeta que "podiamos ter o docu terminado xa, pero co confinamento tivemos tempo de darlle outra volta, de velo con outros ollos, tomar distancia e ao final démoslle un cambio importante á montaxe, agora estamos moito máis contentas co resultado”. Tamén Jaione Camborda aproveitou para traballar con máis vagar no desenvolvemento do seu proxecto O corno do centeo desde Esnatu Zinema. "Viña dunha época de moito traballo, estaba exhausta e o confinamento supuxo unha pausa que me permitiu sentarme a escribir de novo". De xeito máis xeral, Manolo López de Tex45 salienta que "o confinamento fíxonos parar, reflexionar e pensar, démonos conta de que había moitas cousas que estabamos a facer mal e este parón deunos a oportunidade de corrixilas, algo que antes por falta de tempo no poderíamos facer". Iván Patiño destaca que en Amania Studio "Nunca foramos tan produtivos. Co confinamento era moito máis fácil cadrar as axendas, entendemos que a dixitalización supuxo un gran avance e ademais aproveitamos o tempo para a autoformación da empresa", mentres para Suso López, en Gaita Filmes "serviunos para tomar alento e mirar aos proxectos coa cabeza limpa".

Problemas e oportunidades de distribución
Os atrasos e suspensións de festivais afectaron tamén á promoción e á distribución de moitos filmes. Alfonso Zarauza en Maruxiña Film Company recoñece que "o confinamento complicounos a distribución en festivais internacionais e nacionais, estreamos en Sevilla e no festival Marxes de Madrid, pero non puidemos asistir presencialmente e isto afectounos na visibilidade a nivel entrevistas que xa tiñamos concertadas con medios como O País ou RTVE" sobre o seu filme Ons. No entanto segundo recolle o estudo da Agapi, "ao mesmo tempo, a pandemia permitiulles entrar en salas xa que había menos películas americanas, e mantivéronse en carteleira 6 semanas". Tamén en Vía Láctea Ignacio Vilar soubo aproveitar a situación, ao montar un autocine ambulante que levou o seu filme María Solinha a concellos rurais de todo o país. "Por primeira vez a xente do rural vai asistir a unha estrea mundial antes que a xente das cidades". Mesmo a aposta dos festivais por formatos virtuais, tamén tiveron os seus efectos sobre as producións do país. Felipe Lage, de Zeitun films advirte que "coa parte en liña pérdese a experiencia do cinema, ademais non podes ver nin sentir as reaccións do público, e doutra banda as películas están pensadas para a pantalla, co visionado en liña non podes saber como as estarán vendo. É triste pero non deixa de ser outra consecuencia da pandemia que estamos a vivir. Esperamos que aos poucos a situación mellore, vaian levantando as restricións e poidamos estrear en salas e volver aos cinemas".

Os problemas dos grupos
En Miramemira Andrea Vázquez revela os problemas particulares dalgunhas producións por mor da situación sanitaria. O seu proxecto San Simón tivo que pospoñer a rodaxe xa que "nesta película hai bastante figuración, en proxectos como este meter unha partida para probas PCRs non é viable. Esperamos que as normativas no traballo se resolvan pronto. Hai series e películas que están reformulando guións para evitar o contacto e manter as distancias, pero nós facemos un cinema naturalista e este tipo de solucións non funcionan". De xeito similar, en TEX45, centrada no desenvolvemento de programas para televisión, Manolo López apunta que de non mellorar moito a situación, "hai moitos formatos que non poderemos asumir, como os programas con público, ademais a nivel presuposto costa moito máis diñeiro un proxecto cos protocolos de Covid que sen el, por iso tememos que moitos dos proxectos non poidan saír adiante”. Coincide con el Gaspar Boullón, de Ollovivo, quen apunta que "atrasar procesos e supuxo un incremento nos orzamentos dos proxectos polas medidas de seguridade que hai que implementar".

Cuestións da animación
Mesmo un xénero a priori menos presencial como é a animación tivo os seus propios problemas pola situación pandémica. Como apunta Chelo Loureiro desde Abano Producións "Aínda que se sabe que a animación é máis fácil de adaptar ao teletraballo, pódese facer cando se fixo un deseño de produción así planificado, pero isto decídese na etapa de preprodución, que son meses de traballo construíndo ferramentas e métodos. E nós planificámolo para facelo no estudo, por iso é polo que cando nos confinaron estabamos de cheo en plena produción de “Valentina” e tivemos que tomar decisións custosísimas sen case información, porque a situación foi cambiando cada quince días e iso foi un tremendo lastre para todos, foi case como comezar de cero, trasladando os equipos aos fogares dos profesionais, construíndo novas ferramentas e métodos de traballo…". Desde outra perspectiva, advirte que neste ámbito "os Ertes non funcionan, porque cada posto de traballo ten unha duración determinada, uns traballan 15 días e outros 10 meses, non é posible manter a todos 6 meses tras o ERTE, co engadido de que eses profesionais teñen outros compromisos adquiridos e o parón supón que, á volta, igual algún non estea dispoñible e isto obriga a buscar a outro e volver facer que todo encaixe".

Impactos futuros
Malia a que é de agardar que a vacinación e as medidas de control en marcha mitiguen en grande medida o efecto da pandemia no sector audiovisual nos vindeiros meses, Emilio García, xefe técnico de Cinemar advirte que "as consecuencias desta pandemia dentro do sector vanse notar o ano que vén, durante o 2020 e este 2021 seguimos traballando en proxectos que xa estaban en desenvolvemento, pero na miña opinión penso que notaremos as consecuencias desta crise no 2022, aínda que oxalá que non sexa así".