Chegan novas BDs en tempos de confinamento

Xerais presenta a serie Lendas do recreo e Aira lanza en aberto Carriandola

Páxina de <i>Carriandola</i>
Páxina de Carriandola
Malia á actual parálise motivada polo confinamento, as editoras galegas continúan os seus lanzamentos de banda deseñada. Así, Edicións Xerais presenta no seu último boletín de novidades dous volumes da serie Lendas do recreo. Campións do mundo e A media hora dos heroes son os títulos das dúas primeiras entregas desta serie de Bd infantil que conta con guións do coruñés Miguel Ángel López Maestro El Hematocrítico e debuxos do recoñecido autor catalán Albert Monteys. As obras, de 64 e 72 páxinas respectivamente, traducen os títulos publicados por Anaya en castelán.

Pola súa banda, Aira Editorial apostou por libertar na rede en pdf o seu último lanzamento no campo da novena arte. Carriandola, asinada por Eloysius e Simón Blanco, narra as aventuras da nena Mariña nun ano 2020 alternativo con toques apocalípticos. A obra, destinada a público infantil, se á luz co apoio do programa O Teu Xacobeo e aproveita a historia para dar a coñecer a Vía da Prata-Camiño Mozárabe, que serve de contexto á aventura no tramo de Allariz-Maceda. A obra está dispoñible en formato pdf á agarda de que poida chegar ás librarías en formato físico.

Tamén o guionista David Braña, residente en Vigo, compilou e lanzou na rede un documento con cen páxinas de historias curtas que realizou para diferentes publicacións. Co título Historietas para el confinamiento a publicación pretende contribuír a pasar este período de feche no fogar.