O Consello da Cultura Galega volcarase na actividade dixital durante o periodo de incidencia do COVID-19. Coa programación presencial suspendida, a institución centrarase na actividade dixital e na difusión cultural, a través de novos contidos e a recuperación e posta en valor de fondos dixitais producidos ao longo de máis de vinte anos de actividade dixital. O obxectivo é promover a visibilidade da cultura galega pero tamén crear novos contidos e espazos de análise e debate para este tempo tanto a través de consellodacultura.gal como de culturagalega.gal.