A Fundación Seoane nega a autenticidade de oito obras atribuídas ao pintor

As pezas expóñense en Lalín no marco da mostra Creacións máxicas de medidas exactas

O vicepresidente da Fundación Seoane, Xosé Díaz, asegurou que cando menos oito das obras atribuídas a Luís Seoane que se poden ver na exposición Creacións máxicas de medidas exactas son falsas. Así o recolle hoxe o Faro de Vigo na súa edición do Deza, a apuntar ademais que Díaz sinala dúbidas sobre a autenticidade doutras cinco pezas presentes nesta mostra. Desde a inauguración da exposición en Lalín, con comisariado de Antón Castro, erguéronse voces a sinalar reticencias sobre se todas as obras atribuídas ao autor presentes na mesma saíron realmente da súa man. Agora, segundo o rotativo vigués, Díaz asegura que o Museo de Belas Artes da Coruña xa rexeitou no pasado ano esta mostra por mor da falsidade destas pezas.