Co gallo do Día Mundial da Radio, que se estableceu no 13 de febreiro en conmemoración do día que comezou a Radio das Nacións Unidas en 1946, hoxe preséntanse dúas iniciativas que buscan a implicación dos escolares neste medio na súa actual versión de "servizo podcast". A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional en colaboración coa Radio Galega (CRTVG) convoca desde hoxe a segunda edición do II Concurso de podcast-Radio na Biblio, un certame dirixido a bibliotecas de centros públicos de ensino que neste 2020 está vinculada á celebración do Día das Letras Galegas. As temáticas dos podcasts, nas catro modalidades previstas, deberán tratar sobre o patrimonio lingüístico galego ou estaren dedicados a estimular a lectura de dous dos xéneros presentes, entre outros, na obra do filólogo e escritor Ricardo Carballo Calero: a poesía e/ou o teatro. Ademais hoxe terá lugar tamén a presentación do certame escolar Premios Internacionais de Podcast Xosé Mosquera "O Vello dos Contos, promovido polo IES Rosalía de Castro e Arraianos. Ás 12 da mañá o IES Rosalía de Castro de Santiago acollerá o acto de posta en público da web Ovellodoscontos.gal. No acto o alumnado da Aula de Teatro do IES Rosalía de Castro vai representar unha peza de radioteatro ou Teatro do Aire, para homenaxear aos pioneiros da radio en Galicia.