Os Premios Martín Códax da Música chegan ás aulas virtuais coa Rede Espora

Iníciase a segunda edición do proxecto que achega a música galega actual ao alumnado

Iníciase a segunda edición do proxecto que achega a música galega actual ao alumnado
A asociación Músicas ao Vivo e Rede ESPORA veñen de presentar o IIº Proxecto Didáctico Premios Martín Códax da Música, unha proposta radiofónica para fomentar a música galega dentro dos centros escolares, a través do traballo cos proxectos musicais inscritos nesta edición dos Premios Martín Códax da Música. O proxecto anima ao alumnado a elaborar un pequeno programa de radio, en formato "podcast" (ficheiro mp3), para divulgar e dar a coñecer as diferentes bandas e estilos musicais que se presentan aos mencionados Premios.Neste ano, ademais, a proposta do proxecto xirará ao redor daquelas bandas con presenza de mulleres. Baixo o suposto de que as bandas galegas de/con integrantes femininas foron secuestradas, o alumnado terá que indagar entre os proxectos inscritos nesta edición dos Premios Martín Códax da Música para atopalas. Unha vez feita a descuberta, será cando realicen a gravación do programa falando do grupo que máis lles gustou. Como se fixo na edición anterior, todos os "podcast" recibidos serán subidos á radio online dos Premios e daráselles visibilidade a través das redes sociais de MAV e dos propios Premios. Entre todos os "podcast" publicados escollerase un e ofreceráselle aos/ás participantes a posibilidade de acudir á Gala dos Premios Martín Códax da Música.

Adaptación do proceso á situación actual

Se ben o proxecto didáctico foi enviado a tódolos centros educativos e profesorado, cunha proposta inicial para o alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria e 2º da ESO, a excepcionalidade da situación deu pé a que se flexibilizara o seu uso para outros cursos, tomando en consideración o que o profesorado estime oportuno. Dende a organización quérese facilitar ao máximo que tódalas alumnas e alumnos poidan ser partícipes desta actividade, por iso admitiranse gravacións feitas cun teléfono móbil ou calquera outro dispositivo que poidan ter as rapazas e rapaces nas súas casas. Do mesmo xeito, se ben a unidade didáctica enviada aos centros proponse como actividade grupal para que o alumnado forme equipos e estea en contacto vía telefónica e online para realizar cadanseu programa de radio, tamén se admitirán traballos realizados de forma individual. O prazo límite para facer chegar os programas en formato mp3 ou as ligazóns aos "podcasts" é o 29 de maio.