A Deputación de Pontevedra convoca o posto de Director/a de Cultura

A selección levarase a cabo por unha valoración de méritos e máis a presentación dun proxecto

O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra recollía onte martes a convocatoria da provisión dun posto de Director/a de Cultura para a deputación Provincial. Segundo as bases desta convocatoria este cargo de alto rango dentro do ente provincial encargarase de impulsar e coordinar as políticas culturais da Deputación nas súas diferentes liñas de actuación e desde a base da planificación estratéxica. A praza estará reservada a persoal funcionario e laboral das administracións públicas, así como a profesionais do sector privado con acreditada experiencia de cinco anos na dirección, comisariado ou coordinación de proxectos, plans ou programas culturais no sector público. A provisión do posto farase por valoración de mérito tendo en conta o curriculum, os méritos acreditados e a elaboración dun proxecto de dirección e organización da área de cultura no que se expoñan as principais liñas de actuación que levará a cabo de resultar designado ou designada. O prazo de presentación é de 15 días hábiles, contados a partir de hoxe.