Fran Núñez Alonso será o novo director do Centro Dramático Galego

É o primeiro graduado da ESAD en facelo e a persoa máis nova na historia do CDG

Fran Núñez Alonso nunha actuación con Limiar Teatro       Foto: Limiar Teatro
Fran Núñez Alonso nunha actuación con Limiar Teatro Foto: Limiar Teatro
Non houbo sorpresa no resultado final do proceso de provisión do posto de coordinación do Departamento de Produción Teatral (CDG), da Axencia galega de Industrias Culturais (AGADIC) e Francisco Núñez Alonso será quen asine o contrato de alta dirección coa entidade pública e substitúa a Fefa Noia, quen deixou o cargo e ven de sumarse ao equipo de dirección do Centro Dramático Nacional. O candidato seleccionado xa destacara desde a primeira fase de valoración de currículos e propostas adiantando en puntuación aos seus competidores, situación de vantaxe que se mantivo no resto do proceso e ata a puntuación final na que Núñez Alonso acadou 47,26 puntos, máis de dez por diante do seu seguinte competidor na terna finalista. Fran Núñez Alonso foi fundador de Limiar Teatro onde pasou por todos os traballos posibles, desde iluminador e escenógrafo ata actor e produtor. Está licenciado en Arte dramática pola ESAD, en Publicidade pola Universidade de Vigo e é doutor en CC. Económicas pola USC. Outro dos tres candidatos finalistas, Fran Peleteiro, xa expresou os seus parabéns e ánimos ao novo director do Centro Dramático Galego a través das súas redes sociais lembrando os comezos conxuntos de ambos no mundo do teatro afeccionado onde xa con doce anos "cambiabamos focos e patcheábamos dimmers" na compañía Lohengrín Teatro. Como ben apunta Peleteiro, a escolla de Núñez marca dous fitos no CDG, sendo a persoa máis nova en dirixir a cabeceira teatral autonómica e a primeira que o fai cun grao da Escola de Arte Dramática de Galicia (ESAD) baixo o brazo.

A contratación de Núñez Alonso chega nun dos moitos contextos de polémica do CDG, neste caso ante os novos cambios estatutarios da AGADIC, que foron criticados desde varias asociacións do sector por considerar que levan a un posible baleirado do cargo de dirección do CDG restándolle toda capacidade de decisión sobre a liña dese centro e as súas contratacións o que significaría "un recorte de autonomía" desde a visión destes axentes. Na rolda de prensa na que a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Academia Galega de Teatro (AGT) e Asociación Músicas ao Vivo (MAV) presentaban a súa postura respecto aos cambios na Agadic, o actor Xosé Barato pola AAAG recalcou ante o proceso de selección polo que agora foi elixido Núñez Alonso, que as modificacións de AGADIC supoñen un problema porque respecto a cando foi convocada a praza "cambian as regras do xogo que se ven modificadas polo decreto" e a persoa elixida se verá "con menos capacidade de decisión", afirmou Barato.