
Quen supere o proceso de selección que consta das fases de valoración de méritos, presentación de proxecto e entrevista deberá tamén impulsar acordos de cooperación e colaboración con outros centros análogos e con cantas institucións públicas e privadas poidan contribuír á consecución dos fins do CDG e desenvolver todas as demais funcións que lle sexan encomendadas pola Dirección da Agadic. Segundo consta nas bases os contratos laborais de alta dirección do persoal directivo incluirán un pacto de permanencia e non competencia pos-contractual polos dous anos seguintes á extinción do contrato. O proceso levará a elixir ao décimo segundo director do CDG desde a súa creación en 1984, posto que estivo en dúas ocasións ocupado por Manuel Guede Oliva, quen foi a persoa que máis tempo se mantivo á fronte da cabeceira do teatro público galego durante o seu primeiro mandato de 15 anos entre 1991 e 2005. Con esa excepción a permanencia no cargo demostrou unha alta volatilidade debida a todo tipo de situacións. Que entre a ocupalo nestes momentos terá que manexar diversas polémicas e demandas do sector que deron pé a varias protestas nos pasados anos e que seguen sen resolverse.