Os primeiros orzamentos do Museo de Arte Contemporánea MARCO de Vigo con Miguel Fernández Cid como director experimentarán unha subida dun 8% respecto ao ano presente. Así se recolle no documento aprobado polo padroado da institución que estipula a cifra de 881.047 euros para a actividade do centro en 2020. As subas virán polo aumento previsto de ingresos por alugueiros e a Agrupación Amigos MARCO, que se espera que alcance máis de 90.000 euros, e tamén da achega do Concello engadindo 50.000 euros de subvención finalista aos 605.000 que xa viña poñendo cada ano no orzamento. Ademais diso os outros estamentos públicos manteñen a súa achega, con 100.000 euros da Xunta de Galicia e 35.000 do Ministerio de Cultura. Segundo recollen Atlántico Diario e Faro de Vigo, o alcalde Abel Caballero fixo chegar aos medios de comunicación tres nomes artísticos arredor dos que xirará a proposta do MARCO para 2020 e que serían os dos vigueses Din Matamoro e Menchu Lamas, así como o de Manuel Colmeiro (1901- 1999). O alcalde olívico aludiu a intención de manter no MARCO, co actual director, actividades dentro dunha "visión poliédrica da cultura".