O FIOT de Carballo acadou a súa marca de asistentes

O público premiou a 'Jauría' e á peza 'Corazón' de Iria Sobrado

O público premiou a 'Jauría' e á peza 'Corazón' de Iria Sobrado
'Jauría' en FIOT
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo pechou a súa 28ª edición co maior número de participantes da súa historia, o que converteu a Carballo no corazón das artes escénicas de Galicia. O FIOT, que desenvolveu a meirande parte da súa actividade entre o 27 de setembro e o 1 de novembro, acadou segundo os datos comunicados pola súa organización a cifra de 16.273 participantes. No relativo ao reparto de galardóns desta edición, a creación escénica do Programa de Sala máis valorada polo público foi Jauría, de Kamikaze Producciones. A dramaturxia de Jordi Casanovas, un dos pratos fortes desta edición do festival, é unha peza de teatro-documento que se basea na transcrición das declaracións da demandante e acusados do xuízo de "La Manada". A obra, dirixida por Miguel del Arco, acadou 4,68 sobre os 5 puntos de valoración para os espectadores deste 28ª FIOT, que recoñeceron así o traballo dun reparto encabezado por María Hervás e o galego Martiño Rivas. O galardón supón o compromiso do festival de convidar á compañía gañadora, ou ás e aos artistas responsables do proxecto, a formar parte dunha futura edición do FIOT.

Tras Jauría, a obra máis destacada polo público no Programa de Sala foi a estrea absoluta de O electo, unha coprodución de Contraproducións, Focus e o propio FIOT, que obtivo unha puntuación media de 4,62 puntos. A peza La Golondrina, de LaZona, cun total de 4,61 puntos, completou o podio das tres pezas máis valoradas polas espectadoras e espectadores do Programa de Sala, que acadou un 4,34 de media no total das funcións. No IIIº Certame de Micro-escenas Metro Cadrado, proposta de creacións escénicas de pequeno formato en espazos non convencionais e que se consolidou nesta 28ª edición, o Premio do Público recaeu na peza Corazón, unha performance creada e interpretada por Iria Sobrado nun posto do mercado municipal que obtivo 4,73 puntos; mentres que o Premio á Mellor Interpretación foi para Arantxa Teus, quen deu corpo e voz á obra Sorpresa, de Enconarte Producións, cunha valoración de 4,57 por parte do público de Carballo.

Neste 2019, o festival rexistrou a maior afluencia de público dos últimos anos, superando o máximo de 7.202 acadado no 2016. Así, o FIOT contou cun total de 8.648 espectadores ao longo dos seus 38 espectáculos, dos cales 9 foron estreas absolutas e 8 no país. Neste sentido, a dirección do festival cualifica como excelente a acollida da programación por parte do público, que esgotou os bonos na primeira xornada que se puxeron á venda, e pola ocupación dun 97,50% que se rexistrou nas 14 funcións celebradas no marco do Programa de Sala e do ciclo OTNI. En total celebráronse 62 funcións ao longo das cinco semanas de programación, que se di-vide en liñas como Programa de Sala, OTNI, Teatro de Rúa, Rúa dos Contos (na que destacaron as actuacións de Carlos Blanco e Rodrigo Cuevas no mercado municipal de Carballo) e Micro-escenas Metro Cadrado, que concentrou parte das estreas desta edición. Precisamente a dirección do FIOT celebrou a realización de coproducións, residencias e colaboracións no marco desta 28ª edición, que que permitiron a consecución de tres estreas absolutas de interese estatal no marco do Programa de Sala: Medida x medida, Chicas y chicos e O electo.