A Domus da cidade herculina acolle entre hoxe e o venres o ciclo de actividades sobre banda deseñada e saúde Medicina Gráfica. O evento está organizado por Coruña Gráfica, un proxecto de Demo Editorial, e conta coa colaboración dos Museos Científicos Concello da Coruña O ciclo inclúe proxeccións, mesas de debate, unha exposición, un obradoiro e a publicación dun libro, e centra a súa mirada nunha nova corrente científica que usa a banda deseñada como terapia e medio divulgativo para ilustrar sobre os temas relacionados coa saúde, dirixido tanto aos profesionais sanitarios como aos doentes. As actividades reunirán autores que teñen feito traballos enmarcables dentro da corrente da medicina gráfica como o tándem conformado polos valencianos Cristina Durán e Miguel Á. Giner Bou, os coruñeses Bea Lema, Luis Sendón e Santy Gutiérrez e mesmo algúns casos de autores que combinan a súa profesión como facultativos médicos coa de autores de bd, caso da zaragozana Mónica Lalanda ou o bilbaíno Juan Sánchez-Verde, membro do dúo creativo Yo, Doctor e mais algúns especialistas médicos con experiencia na utilización ou a produción de obras deste xénero, como o psicólogo Juan Bonome ou o psiquiatra César Pereiro. Ademais, a Federación Galega de Dano Cerebral estreará a curtametraxe de animación O mundo púxose ao revés. Historias sobre o dano cerebral adquirido, dirixida por Miguel Gallardo. O programa inclúe a exposición Medicina Gráfica, con obras de todos os autores presentes nas xornadas e mais unha escolma de títulos desta corrente da banda deseñada, que pode verse na entrada da Domus.