Os castros de Toiriz, Subidá e Alobre estarán musealizados no verán de 2020

O ministerio de Fomento financia unha intervención de máis de 600.000 euros

O Ministerio de Fomento aprobou a posta en valor o martes pasado de tres castros da provincia de Pontevedra: Toiriz (Silleda), Subidá (Marín) e Alobre (Pontevedra), como primeiro lote do paquete de restauracións de xacementos promovida pola Deputación de Pontevedra. Son máis de 600.000 obras que inclúen obras de restauración, accesibilidade e musealización. O segundo lote, aínda por aprobar, comprenderá os castros de A Lanzada (Sanxenxo), Penalba (Campo Lameiro), Mercado dos Mouros e Igrexa Vella (Valga), Adro Vello (O Grove), Alto dos Cubos (Tui) e a Cruz do Castro (Cotobade). Posteriormente, aínda se engadirán os de Taboadexa (As Neves), Troña (Ponteareas), Trega (A Guarda), Facho (Cangas), Cabeciña (Oia) e Castrolandín (Cuntis). O proxecto do castro de Toiriz tivo as críticas da primeira entidade en realizar actividades de recuperación no sitio arqueolóxico, o Colectivo pola Recuperación dos castros de Toiriz, que cuestiona varias das decisións, como a ubicación do aparcamento, que podería afectar a parte do sitio arqueolóxico, ou o tamaño dos carteis de divulgación.