Estréase en galego 'Desde o invisible' de la Quintana Teatro

A produción en castelán recibiu en 2008 o Premio Max ao espectáculo revelación

A compañía de teatro La Quintana recibiu no ano 2008 o Premio Max ao espectáculo revelación con Desde lo invisible, unha obra en castelán de Irma Correa e Rubén Tejerina coa que realizou xira nacional e internacional durante dous anos. Agora, a compañía chega ao Salón Teatro de Santiago estreando esa mesma obra pero na súa versión traducida ao galego por Santiago Cortegoso grazas ao apoio do Centro Dramático Galego. Isabel Rodes, Esther Aja ,Nacho Martín e Victoria Teijeiro súbense ás táboas baixo a dirección de Rolando San Martín para presentar esta obra que xurdiu como un proxecto de investigación sobre as persoas con discapacidade intelectual. Durante un ano, as actrices compartiron experiencias con mozas e mozos dun centro ocupacional de Madrid. Por mor desas experiencias, sumadas ás do resto do equipo, foron creándose os distintos personaxes e situacións que hoxe constitúen un todo teatral. Na historia hai unha muller embarazada que non sabe se o seu bebé terá unha discapacidade, unha moza que non acepta que o martes non hai piscina, outra no seu primeiro día de traballo, unha irmá que xa non pode máis… Mozas e mozos diferentes, monitores, familiares, veciños, coñecidos, descoñecidos… Unha obra na que se mostran distintas perspectivas dunha mesma realidade, que nos fará reformular o concepto de normalidade. O Salón Teatro acoolerá a estrea a o vindeiro xoves, 24 de outubro, e haberá representacións en diferentes horarios ata o 27 de outubro.