O Salón Teatro de Santiago será o escenario da estrea este venres de O que segue, a nova proposta da creadora Cristina Balboa para a compañía Funboa Escénica, realizada en coprodución co Centro Dramático Galego (CDG). Cristina Balboa, que presentou a montaxe en compañía do director de Agadic, Jacobo Sutil, describe O que segue como "un acto de resistencia escénica a través da composición musical, o vídeo e a danza" para construír un "relato feroz" do cotiá a partir das contradicións entre a arte e a vida. A música xoga aquí un papel clave, de xeito que durante a súa creación foise xerando unha dramaturxia baseada na composición musical en vivo e no relato que sucede nese acto performativo. Balboa dirixe e interpreta, ademais de ser a autora da música e de asumir a produción xunto a Manu Lago. Manuel Parra exerceu de asistente de dirección do espectáculo, para o que contaron así mesmo con Afonso Castro (iluminación), Paula Quintas (vestiario), Mauro Trastoy (espazo escénico) e Ángel Sousa (vídeo), entre outras achegas artísticas. O espectáculo foi un dos proxectos seleccionados para as Residencias Paraíso 2018 do colectivo RPM, tamén coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo. Xa en xaneiro deste ano, a compañía realizou unha estadía artística no Salón Teatro para continuar avanzando na montaxe, que agora se estrea neste mesmo escenario. A peza poderá verse na sede da compañía pública este venres e sábado, ás 20,30 h., e o domingo, ás 18,00 h.